Fracaso total

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

16 jul 2019 . Actualizado ás 08:32 h.

Nas penurias sanitarias da miña nenez adoitábase facer xuntas de médicos para obter o que case sempre era o ditame final. Iso ocorre agora coa despoboación rural, xuntando especialistas para que diagnostiquen unha enfermidade e un enfermo xa en fase terminal.

Moi mal planificada estivo esta terra para que derivara neste abandono no que chegan a ofrecerse postos de traballo e vivendas gratis para conseguir que non se pechen os colexios en concellos que precisan un mínimo de nenos no centro.

Que aquela Galicia rural superpoboada e paupérrima, sen outra saída que a emigración, precisaba medidas drásticas estaba moi claro para o que quixera velo. E a emigración baleirou as aldeas, presentou a vida urbana como panacea, proporcionou man de obra barata, logo tamén afectou ás aldeas e concentrou poboación nas cidades… ata chegar á miseria social que nos envolve, na que os incendios son os novos señores do campo, que non se limpa nin traballa.

Lembrando Santa Bárbara en plena tormenta agora, co rural despoboado, que nas cidades escasea o traballo, os nosos gobernantes ven que estamos en perigo, que somos un país de vellos, no que os nenos que nacen escollen a cidade para nacer e vivir, porque seus pais prefiren ser mecánicos ou limpadores antes ca labradores ou gandeiros, oficios desprestixiados aínda que ben levados sexan un xeito perfecto de gañar a vida nas mellores condicións vitais.

Intentan os gobernos resucitar o rural, pero mentres non se entenda que fracasamos como país, como modelo de vida, e empecemos a reconstruírnos socialmente, non teremos solución.