Camareiros

Antón Grande TRIBUNA

LUGO

19 jul 2019 . Actualizado ás 11:30 h.

Leo na prensa que certos empresarios de hostalería mostraban o seu malestar pola falta de profesionais para contratar durante esta época estival. Non vou negalo, e é posible que así sexa, pero a falta de camareiros terían que buscala tamén noutras peculiaridades deste traballo e que nin sequera se citan, polo si ou polo non.

Levo xa uns cantos días pola Mariña luguesa e ao ler a noticia, púxenme en contacto con algúns dos camareiros e camareiras cos que teño trato, sobre todo como cliente. Así puiden descubrir cal é a cara oculta da preocupación dos hostaleiros: os soldos raquíticos, as innumerables horas extras e sobre todo, a inestabilidade sabendo que nun par de meses os empregados volverán ao paro, se é que teñen dereito a iso.

Comentábame esta xente de bandexa en man que o habitual en varios empresarios da hostalería é facer contratos de media xornada, polos

que se traballa o dobre de horas sen cobralas como extras, e deuse o caso de que algún camareiro, ao preguntar na Seguridade Social polo seu historial, achouse con que só cotizaban polo dúas horas aínda que facía oito ou dez diarias.

Hai unha segunda parte que resulta tamén rechamante e son os soldos. Nalgún hotel, as empregadas de lavandería teñen contrato a media xornada, pero só cotizan por elas dúas horas, e cobran douscentos e pico euros ao mes. Un sueldazo. Camareiros coñezo tamén, ou así mo contaron, que traballan de sol a sol por 700 ou como moito, 800. É dicir, nin sequera pódeselles chamar mileuristas.

Así están as cousas, e así as constatei falando cos afectados.