Así será o centro integral de saúde situado no barrio da Residencia

Marta de Dios Crespo
MARTA DE DIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Terá capacidade para atender a 20.000 persoas en 8.000 metros cadrados

27 jun 2019 . Actualizado ás 21:41 h.

A Residencia está hoxe un paso máis preto de contar cun centro integral de saúde. A Xunta licitou onte a reforma do vello materno por 12 millóns de euros. Queren que os traballos empecen antes de pechar o 2019 e deron un prazo de execución de 20 meses, polo que a instalación sanitaria podería ser unha realidade en outubro do 2022. «É un día importante para a provincia e a cidade de Lugo», introducía José Manuel Balseiro.

Reordenar o barrio, facelo máis poroso, dotalo de zonas verdes e mellorar a súa comunicación son os obxectivos que persegue o goberno galego coa actuación múltiple que pretende levar a cabo no antigo complexo sanitario. A destrución completa do xeral irá da man da rehabilitación do materno, que preservará a arquitectura racionalista do edificio dos anos 50.

Había dous retos importantes: dotar á instalación de entradas independentes para os diferentes servizos e xerar un espazo amable e agradable. A porta principal do edificio dará servizo ao centro de saúde, que contará coa planta baixa e dous superiores; mentres que ao centro de saúde mental (situada no semisótano) e ao PAC entrarase pola zona traseira. A parte de atrás tamén estará dotada dunha entrada para o persoal de servizo do centro. Cinco patios verdes e interiores, salpicados polo complexo, dotarán de luz natural ás diferentes zonas interiores, converténdoas en lugares luminosos. O proxecto redactor elaborouno a UTE formada por NAVES 04 e Manuel Vázquez Muíño.

Os 8.083 metros cadrados do inmoble estarán distribuídos da seguinte forma. No semisótano situarase o centro de saúde mental, cunha área médica dotada de 18 consultas, e a base para o 061. Ademais contará coa área de administración e servizos comúns, área de persoal e de hospitalización parcial. Toda nunha superficie de 1.276 metros cadrados. Na planta baixa situarase pediatría, un vestíbulo con administración, radiodiagnóstico, PAC e urxencias ademais doutros usos non sanitarios. A primeira planta terá unha área de muller e na superior salas de docencia e fisioterapia. Máis arriba haberá espazo dispoñible.