«Non me arrepinto de volver ao Breo»

LUGO

Carlos Castro

Asegura que desde a súa chegada ao club Ochefu «foi o único xogador que non estivo á altura»

13 jun 2019 . Actualizado ás 18:37 h.

A afección quérelle e así llo fixo saber no adeus do Cafés Candeas Breogán á Liga Endesa. Durante o partido ante o Burgos miles de afeccionados pediron no Pazo a continuidade como técnico de Tito Díaz (Lugo, 1957), que regresou ao club dúas décadas despois, cando restaban 11 partidos para o final de Liga , pero os avances que fixo o equipo desde a súa chegada non foron suficientes para seguir entre os xigantes do básquet español.

-Que sente un cando escoita a toda unha afección reclamando a súa permanencia no equipo?

-Agradecemento, o primeiro, e satisfacción porque non sempre todo vai en función dos resultados e a xente soubo valorar todo o gran traballo que hai detrás a pesar do descenso.

-Gustaríalle abandeirar o proxecto breoganista para regresar á Liga Endesa?

-Son profesional e breoganista, e o mellor ao que pode aspirar calquera adestrador é a dirixir ao equipo da súa vida.

-Tras o partido ante o Burgos declarou que vivira os dous meses máis duros da súa carreira. Foi unha boa decisión regresar ao Breo?

-Si, sempre. Síntome orgulloso de ter dirixido a este equipo á ACB e de pelexar ata o último momento por evitar o descenso. Non me arrepinto en absoluto de volver, aínda que é verdade que me gustou ter un pouco máis de tempo para poder instalar todo o meu baloncesto aquí. Cheguei un martes e o domingo xa tiñamos un partido clave contra o Fuenlabrada, ao domingo seguinte outro, ás veces dous... Todo foi moi rápido. O que tratamos foi de darlle ritmo e competitividade ao equipo e creo que iso se logrou porque de 11 partidos demos a talla en 10 e en moitos deles estivemos moi preto de gañar.

-Mereceron máis no tramo final de liga?

-Creo que si. Perdemos partidos moi axustados, sobre todo ante Fuenlabrada, Valencia e Tenerife, dos que algúns puideron caer para o noso lado perfectamente e agora estariamos a falar dun desenlace ben distinto.

-Desde fóra daba a impresión de que o desánimo era un dos maiores problemas do equipo.

-O primeiro que fixen cando cheguei foi falar un por un cos xogadores e é verdade que os notei un tanto cansos física e mentalmente. O noso primeiro obxectivo, o de Javi Muñoz e o meu, que traballamos da man xunto con Pablo Abuín, foi intervir nese aspecto e simplificar un pouco o xogo e darlle ritmo, e creo que o equipo deu un paso adiante. Faltou un pouco de sorte en determinados momentos e coas lesións.

-Á marxe de todo isto, moitos xogadores non estiveron á altura e o Breo acusouno.

-Do tempo que eu estiven aquí o que máis queixume son as lesións, e creo que o único xogador que non estivo á altura foi Ochefu; lesionouse ao chegar, pero non tivo a capacidade de sufrimento que si tiveron outros. O resto deuno todo, cada un coas súas características e as súas limitacións. A nivel de esforzo e compromiso non teño ningunha queixa. Vivimos un feito puntual con Alec Brow nun partido porque el entendía que o seu nocello non lle permitía xogar e eu cría que si, pero ao día seguinte xa estaba a adestrar. A falta de compromiso non foi un problema e se os xogadores non estivesen ao seu nivel non competísemos como o fixemos.

-Salva Arco denunciou que algúns xogadores non respectaron a camiseta do Breo.

-Seguramente se refería a estes xogadores americanos que estiveron antes de que eu chegase e se cadra tamén a Ochefu... Nós criamos que con dor se podía adestrar e Salva Arco é un exemplo. As lesións foron un gran lastre para o Breogán, aínda que é verdade que o tema físico habería que revisalo.

-É necesaria unha profunda reestruturación no persoal?

-Haberaa porque hai un cambio de categoría. Nestas situacións os xogadores case nunca descenden, fano os equipos e xeralmente os adestradores. Moitos deles seguirán na ACB o ano que vén.

-A última. Cal é a primeira premisa para regresar canto antes á ACB?

-Facer un bo equipo, equilibrado, cos roles ben definidos e que asuma que vai competir na LEB, e logo traballar en equipo coa directiva e facelo con tranquilidade. O descenso debe servir de lección. Tanto eu como o Breogán crecemos esta tempada a pesar de baixar, o descenso é un valor engadido.