De momento aínda estamos na ACB

Ricardo Hevia LUGO .

LUGO

Óscar Cela

19 may 2019 . Actualizado ás 11:51 h.

Camiñando cara ao final dun mal soño chega ata Andorra o Breogán, alí, tan lonxe de Lugo parece destinado a que desconecten o leve fío que lle mantén vivo nesta ACB soñada durante tantos anos e que agora mesmo parece unha realidade fugaz. Un Maximus top, un Pazo a rebentar cada partido por unha afección fiel que si é de ACB con soleira e unha invasión de xente nova espectacular, desgraciadamente non todo iso acompañado por unha xestión deportiva á mesma altura desde o club. Claro que non todo está perdido, o certificado de defunción aínda está por escribir, quedan dúas balas por disparar, a primeira esta tarde, difícil e problemática, Andorra, aínda que con remotas opcións, loitará ata o final por que lle toque a lotería do play off e, ademais, esa especie de virus que parece instalarse no Pazo deixou fóra de combate a McCallum, o único parche dos varios postos pola directiva que deu resultado.

Pero haberá que recorrer ao manual de frases feitas, todo empeza cero a cero, nun só partido pode suceder calquera cousa, o certo é que nos xogamos a pouca vida que queda. E con que ánimo?. Verémolo en poucas horas, non é doado levantarse despois de recibir tantos paus, despois dun ano infestado de decepcións, cunha chea de derrotas dolorosas ás costas, en cambio, despois de tantos erros e tanta desgraza, o milagre da permanencia é posible e hai que agarrarse a esa posibilidade como posesos, trátase de lograr unha vitoria que nos permita seguir respirando, de cambiar tristeza por alegría, case nada, mirar cara abaixo produce vertixe e non hai por que facelo, ao revés, trátase de mirar cara a adiante, só de xogar un partido da ACB e aínda estamos nesa liga. Ás 10.30 horas da noite xa veremos.