Lugo lidera con claridade as altas de mozas na actividade agraria

Máis do 40 % das incorporacións dos últimos tres anos están na provincia


lugo / a voz

As altas de mozas na actividade agraria teñen un claro selo lucense. Nos últimos tres anos, na provincia concentrouse máis do 40 % de novas incorporacións de persoas: 632 das 1.466 solicitudes presentadas, o que supón exactamente o 43 %, eran de Lugo. O predominio de Lugo foi claro os tres anos: no 2016 concentrou 268 das 618 peticións formuladas (o 43 %); no 2017, 194 das 466 tramitadas (o 41 %), e no 2018, 170 das 382 totais (o 44 %).

Neses tres anos, por detrás de Lugo figurou sempre A Coruña por diante de Ourense e de Pontevedra, aínda que o dominio lucense nas novas incorporacións foi incontestable: o ano pasado superou a suma das da Coruña e de Ourense (170 fronte a 169), achegándose no 2017 (194 fronte a 205) e no 2016 (268 fronte a 273).

Á cabeza en axudas

O liderado en expedientes tramitados supón tamén un claro predominio das axudas concedidas: Lugo recibiu no 2016 9,8 dos 24,3 millóns entregados; no 2017, seis de 14,9; no 2018, 5,4 de 13. Estas axudas, que concede a Consellería de Medio Rural, están cofinanciadas nun 75 % por fondos comunitarios dentro do Plan de Desenvolvemento Rural.

A mellora das estruturas de produción e o fomento da substitución xeracional son fins que se perseguen con este plan. Tamén se potencia o papel da muller como titular de explotacións, a inclusión das granxas en programas de control leiteiro e a posta en marcha de medidas de redución de emisións contaminantes.

Doutra banda, as persoas con idades comprendidas entre 18 e 41 anos que desexen incorporarse á actividade agraria ou crear unha empresa deben presentar un plan de viabilidade, que se iniciará nos nove meses seguintes á notificación da axuda e completarase en dous anos.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
0 votos
Comentarios

Lugo lidera con claridade as altas de mozas na actividade agraria