Un partido para pechar para sempre a lenda

Ricardo Hevia LUGO .

LUGO

Óscar Cela

13 abr 2019 . Actualizado ás 19:15 h.

A liga a pouco do seu final depáranos un partido grande, imposible de programar alá por outubro, dous equipos nun enfrontamento directo que vai decidir gran parte das súas opcións de permanencia en ACB. O Estudantes non é a primeira vez que se ve neste transo nos últimos tempos, a pesar diso continúa podendo presumir de non ter perdido nunca a categoría, sobre os seus sete vidas corren moitas historias. É un club que mandou moito nos inicios da ACB e agora suxeito a unha estreiteza económica que se reflicte nos seus resultados. O Breogán recentemente chegado tras unha longa travesía do deserto con aroma de ACB en todo o seu contexto, seguimento, historia, asistencia ao Pazo, moi superior todo desgraciadamente ao seu rendemento deportivo. Para os colexiais a derrota colócalles dependendo doutros, pero teñen 9 vitorias e aínda que moi graves, non estarían mortos. Para o noso Breo todo o que non sexa un triunfo é empezar a cavar a fosa, certo que quedarán 7 partidos por xogar, pero nunhas condicións de precario que faría falta un milagre, incluíndo a obrigación de gañar 4 ou talvez 5. En fin, esta é a situación, se miramos unicamente o roster de cada persoal non hai moitas diferenzas, pero se observamos con atención os últimos choques de cada un, eu non teño dúbidas, agora mesmo o Breo é mellor equipo, chega mellor e cun persoal moi mellorado que suple con garantías o inasumible custo deportivo da chegada de Millsap e Dragicevic, que non achegaron nada. Partido para querer xogalo, para deixarse a vida, en fronte un club histórico, unha demencia apertando e unha lenda tecida ao redor de choques como o de hoxe, con resultados case sempre favorables ao mesmo. É hora de escribir outro guion, pechar a lenda e agrandar as posibilidades de seguir un ano máis dentro da elite do baloncesto