Superarse ou sufrir, os camiños do Breo no tramo final de liga

I.MEITIÍN BUJÁN LUGO / LA VOZ

LUGO

Óscar Cela

As tres vitorias que sumou na primeira volta nos oito partidos que lle restan non lle acadarían para chegar á ducia, o seu anhelado obxectivo

11 abr 2019 . Actualizado ás 11:30 h.

Tras a derrota ante o Barça Lassa e a falta de só oito xornadas para que caia o pano na fase regular da Liga Endesa, o destino do Cafés Candeas Breogán xa non ofrece dúbidas. Superarse ou sufrir. Non caben máis alternativas para o conxunto de Tito Díaz, que encara a recta final do seu esixente maratón pola permanencia nos postos de cola e a catro triunfos da ducia que persegue desde que botou a correr no seu regreso á máxima categoría. «O ideal, para estar tranquilos, sería sumar outros tantos triunfos. Parece que este ano a salvación estará máis cara», apuntaba o director deportivo, Quique Fraga, no ecuador da competición cando o seu equipo, con seis vitorias no zurrón, parecía ter a salvación perfectamente encarrilada.

O cadro breoganista é penúltimo. Acumula oito vitorias, polo que para acadar a súa anhelada cifra deberá agarrar catro máis e iso supón mellorar o balance que presentou na primeira volta ante os rivais que aínda ten que atoparse. De aquí a final de liga os celestes recibirán ao Unicaja, o Iberostar Tenerife, o Herbalife Gran Canaria e o San Pablo Burgos, e visitarán ao Movistar Estudantes, o Real Madrid, o Valencia Basket e o MoraBanc Andorra. De todos estes inimigos, o Cafés Candeas Breogán só puido gañar a tres na primeira entrega dun campionato asimétrico. Impúxose ao cadro estudantil (86-79), aos madridistas (84-71) e ao conxunto andorrano (85-79), e foi derrotado polo Unicaja (78-72), o Valencia (65-77), o Tenerife (90-78), o Gran Canaria (96-72) e o Burgos (92-76), aínda que agora a orde dos partidos invístese e os prognósticos cambian. «Non sería unha tolemia pensar que podernos gañar os catro partidos de casa. Temos moitas posibilidades», aseguraba un acérrimo seguidor breoganista antes do partido no Pazo ante o Barcelona.

Dos equipos que participan xunto ao Cafés Candeas Breogán na carreira pola permanencia -Fuenlabrada, Gran Canaria, Estudantes, UCAM Murcia e Delteco GBC- ningún divisa un horizonte despexado. O Real Madrid, o Barça Lassa ou o Baskonia, as tres moles do grupo, tamén aparecen no seu camiño.