O duelo vital entre McCallum e Laprovíttola

Ricardo Hevia LUGO .

LUGO

acb

29 mares 2019 . Actualizado ás 19:17 h.

Axitada semana nas oficinas do Breogán, previa ao primeiro dos dez dramáticos encontros que agardan nos cales todo indica que haberá que gañar polo menos cinco para manterse na ACB. Engadiremos que un 50% é algo moi difícil de conseguir, abonda lembrar que das undécima praza cara abaixo ninguén acada esa porcentaxe. Confiemos en que a sorte tan esquiva esta tempada co club cambie de bando e o leite que tiveron os directivos aos que se lles apareceu un mecenas para fichar trasládese ao campo e colabore cos xogadores. Un equipo reforzado terá máis posibilidades e, á marxe de como saian as cousas, non cabe dúbida que McCallum o é e nun posto esencial. Coas ofertas que a directiva pasou a varios axentes falta por ver onde se coloca o último parche, probablemente decisivo para afrontar a tarefa de romanos que comeza esta tarde en Badalona.

Colocado en 6ª posicións con 14 vitorias, a Penya é a gran revelación da liga e o nivelazo de Laprovíttola pecha o círculo. Aí contra este xogador líbrase unha das batallas que hai que gañar para ter opcións no Olímpico e aí tamén está un dos atractivos do choque, o físico de McCcallum podería rebaixar a influencia de Laprovíttola, por algún lado hai que fincarlle o dente ao Juventut. O Breogán non pode mirar o nome dos rivais, senón os partidos que restan, no Pazo quedan grandes batallas por librar, pero un triunfo fóra de Lugo axudaría moito para conservar a fe. A Penya é un clásico, un grande da liga, pero o seu historial hai un ano penaba como nós agora e dábase por morto, actualmente está no seu verdadeiro sitio, para iso hai moito de acerto deportivo, pero tamén de xestión.