Somieres e lata nas pallozas de Piornedo

Xosé Carreira PIORNEDO / LA VOZ

LUGO

Na aldea prerromana de Cervantes autorizan ata 5 cores distintas de aluminio para as fiestras

24 mares 2019 . Actualizado ás 08:49 h.

Non pasa polo seu mellor momento estético. A aldea prerromana de Piornedo, unha das xoias turísticas da provincia lucense, é vítima da desatención e do feísmo. Fáltalle moito para chegar ao aprobado en calquera test que prime a posta en valor do dun patrimonio no que a Xunta gastou, en diversas épocas, miles de euros. O último anuncio de investimentos fíxoo o delegado provincial a finais do ano pasado: 180.000 euros para a restauración do conxunto etnográfico das pallozas. A obra foi adxudicada recentemente.

Hai uns días, o teitume de palla dunha desas lendarias construcións tiña o somier dunha cama cubrindo unha das zonas da entrada. Outras pezas singulares do poboado, como son un hórreo e outra palloza, están cubertas de lata que, agora, xa comeza a ser de dúas cores en toda a zona. Primeiro chegou a chapa galvanizada e agora xa hai outra de cor negra.

O percorrido polo lugar, que debería ser un atractivo de Galicia, achega outros detalles que reflicten falta de esmero. Hai, como mínimo, cinco colorees diferentes do aluminio das portas e fiestras. Está o clásico de toda a vida e, a medida que a modernización avanzou, chegou o PVC cos seus distintos tons: branco, azul, verde, caoba...

Hai tamén elementos construtivos que afean a contorna dun xeito especial como, por exemplo, cancillas metálicas amarradas ás paredes dalgunhas pallozas; postes e cables danan a imaxe do conxunto; lavadoiros de formigón colocados tamén nas fachadas das construcións prerromanas... Ao variado catálogo de «desfeitas» hai que engadir o ladrillo (está a ser ocultado) dalgún inmoble.

Algúns visitantes fan comparacións e Piornedo non sae ben parado. Paula e Alfredo, de Astorga, nunha visita que fixeron fai quince días, explicaron que subiran á aldea pola parte leonesa, fixeron unha chamada de atención: «O descoido da parte galega é evidente. Nada que ver co coidado do outro lado».