Xornada aciaga para o Lugo polas vitorias dos seus rivais directos

LUGO

Óscar Cela

Majadahonda e Tenerife márchanse a 4 puntos e o Elxe a 7

25 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A derrota ante o Albacete non foi a única mala noticia para o Lugo na última xornada do campionato, xa que ao tropezo hai que sumar que a maioría de equipos que están a pelexar pola permanencia cos branquivermellos sacaron adiante os seus respectivos compromisos e, como consecuencia, complicaron a situación dos de Monteagudo.

A xornada xa comezaba para os do Anxo Carro coa obrigación de gañar para non quedar a só dous puntos do Estremadura, que descansou esta fin de semana ao ter que medirse co Reus, polo que sumou tres puntos gratis.

O primeiro revés chegaba xa o venres nun dos paridos adiantados da xornada no que o Tenerife derrotaba ao Osasuna tras unha remontada incrible e sumaba tres puntos vitais.

Noticias negativas

As malas noticias continuaron na xornada de onte na que o Ray Majadahonda goleou ao Numancia e tamén se afasta da zona baixa.

Outro triunfo local que tamén fixo dano á entidade que preside Tino Saqués foi o do Elxe ante o Alcorcón, que permite aos ilicitanos colocarse nove puntos por amais da salvación.

Os branquivermellos terán que agardar ao único partido que resta por disputarse desta xornada, o que enfrontará esta tarde a partir das 21.00 horas a Mallorca e Zaragoza e agardar que os insulars superen aos maños para que os de Víctor Fernández non se afasten na táboa.

Os marcadores da última entrega do campionato deixan ao Lugo a dous puntos do descenso directo, posición que marca actualmente un Estremadura que cotiza á alza nas últimas xornadas.

As vitorias de Raio Majadahonda e Tenerife afastan a ambos os conxuntos a catro puntos dos lucenses, é dicir a máis dun partido.

A noticia menos mala é que o pelotón de equipos cuxa continuidade en Segunda División está aínda en dúbida é elevado e polo tanto cun par de resultados positivos a situación daría un envorco radical para os branquivermellos.

O cadro que prepara Alberto Monteagudo realizou onte unha sesión de recuperación na que o máis importante foi que os xogadores tratasen de esquecer o acontecido ante o Albacete e centrasen todos os seus esforzos no compromiso da próxima xornada que disputarán no feudo do Alcorcón o vindeiro domingo a partir das 18.00 horas e o que sumar os tres puntos xa é imperativo.