O sétimo cubo da Muralla restaurarase con 273.400 euros

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO

ÓSCAR CELA

Achegaraos a Xunta, que anuncia un prazo de execución de seis meses a cargo da empresa Resconsa

23 mares 2019 . Actualizado ás 18:35 h.

O portal de Contratos de Galicia publicou a resolución da Consellería de Cultura e Turismo pola que se adxudica, cun importe de 273.404 euros, a obra de consolidación estrutural do sétimo cubo da Muralla de Lugo, un ben de Patrimonio Mundial.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que o prazo de execución destes traballos será de seis meses -tras a formalización do contrato- e correrán a cargo da empresa adxudicataria Resconsa, especialista no monumento e que xa se encarga do contrato ordinario de mantemento.

Os traballos contribuirán á restauración e conservación deste cubo da Muralla, situado preto da porta Bipo Odoario e tamén do lenzo contiguo. Consistirán na escavación interior, a nivel do adarve para resolver as filtracións de humidades e gretas verticais. Inclúe a exhumación da escaleira, que será protexida cunha lámina geotextil antes de executar un novo recheo.

Abovedado

As novas actuacións previstas servirán tamén a modo prospectivo, para guindar luz sobre un espazo interior abovedado que os investigadores presumen que é orixinal do monumento e que foi utilizado a mediados do século pasado para acoller un centro de transformación.

A actuación acada tamén a unha franxa de dous metros no xardín exterior, na que se profundará ata a cota romana orixinal. O obxectivo é obter datos sobre a utilidade da zona abovedada e a súa relación coa escaleira e coa configuración da cidade.

O delegado territorial explicou tamén que durante a execución destas obras realizarase un levantamento topográfico en 3D das estruturas romanas que se atopen e que poderá ser consultado polos veciños, expertos e investigadores.