Preocupación no Breogán pola convocatoria de Redivo

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

As longas viaxes e a disputa de dous partidos poderían agravar as molestias que arrastra o xogador

18 feb 2019 . Actualizado ás 11:46 h.

A convocatoria por parte da selección arxentina do aleiro breoganista Lucio Redivo xerou unha notable preocupación no seo do equipo polas posibles consecuencias que poida ter para o xogador desprazarse miles de quilómetros para disputar dous encontros coa súa selección.

O preparador albiceleste, Sergio Hernández, elixiu ao aleiro do cadro lucense entre os 12 que representarán ao seu país nos partidos que disputarán ante Porto Rico e Estados Unidos a próxima semana, clasificatorios para o Mundial de China .

O escolta suramericano leva practicamente toda a tempada arrastrando unha serie de molestias que lle impediron render con regularidade e para as que o principal remedio sería o repouso, algo que non poderá ter se xoga co seu equipo nacional. Ao desgaste dos adestramento e de dous partidos internacionais, hai que sumar as numerosas horas de voo que terá que soportar nun curto espazo de tempo e que seguramente agravarán o estado de saúde de Redivo.

O único recurso dos breoganistas é apelar á comprensión do técnico arxentino, Sergio Hernández, para que poida prescindir de Redivo en dous partidos nos que o seu selección non se xoga nada ao estar clasificada como primeira de grupo, e o xogador poida descansar uns días en Lugo e recuperarse das súas molestias.

Outro xogador con problemas físicos é Gerun, pero o ucraíno xa obtivo o beneplácito da súa federación para non acudir á convocatoria co seu equipo.