A predición do tempo do 2019 segundo os sortes, resortes e contrasortes

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

LUGO

CARLOS CASTRO

Os primeiros 36 días do ano sinalan que este ano será de continuos cambios meteorolóxicos

10 feb 2019 . Actualizado ás 07:46 h.

Os norteamericanos chaman Día da Marmota ao 2 de febreiro, no que se fixan no tempo para saber como será o do resto do inverno: se o animal sae da súa gorida e non ve sombra ao estar a xornada nubrada, enténdese que o fin do inverno non está afastado; se non ve sombra porque hai ambiente despexado, o animal volve ao tobo e aínda queda practicamente medio inverno.

Con todo, non fai falta buscar costumes alén o Atlántico para saber como influirá o 2 de febreiro, festa da Candelaria no calendario católico, no tempo do resto do ano. Di o refrán ‘Cando a candelaria chora, a metade do inverno vai fóra. Que chore, que deixe de chorar, a metade do inverno está por pasar', o que introduce un certo escepticismo galaico ante a proximidade ou a distancia do final da estación. Este ano, por certo, o 2 de febreiro houbo precipitacións.

Outro sistema tradicional consiste en intentar predicir o tempo do ano segundo o dos primeiros 36 días, divididos en senllos grupos de 12 que corresponden a , sortes resortes e contrasortes. Lembrando o rexistrado neses días, todo o mes de xaneiro máis os cinco primeiros de febreiro, podería suporse que o 2018 será un ano de tempo cambiante, pois houbo xornadas secas e chuviosas -mesmo, con nevadas en zonas altas-, con ambiente frío e sucesivas xeadas pero tamén con temperaturas suaves.

SORTES

Prognóstico de meses secos. O 1 de xaneiro foi seco e máis ben frío, tendencia que se mantivo, aínda que con algunha oscilación térmica, nos 11 días seguintes. Esa impresión permite aventurar, segundo este sistema tradicional, que o ano será seco. Só algo de nebulosidade ao final do día de Reis pode indicar que o sexto mes, xuño, apartarase desa tendencia nos últimos días. As sucesivas xeadas deixaron temperaturas baixo cero varias noites seguidas, aínda que non é un fenómeno estraño en comarcas do interior de Lugo nin tampouco en municipios de que A Mariña están fóra da franxa litoral.

RESORTES

Posibilidade de humidade. O 13 de xaneiro (resorte de xaneiro) foi seco e non moi frío; o 14 (febreiro), algo húmido ao principio e non moi frío; o 15 (marzo), algo frío, sen precipitación; o 16 (abril), algo frío pero despexado, igual que o 17 (maio). O 18 (xuño) foi algo chuvioso e fresco, situación repetida o 19 (xullo). O 20 (agosto) foi algo chuvioso e de temperaturas algo suaves, igual que o 21 (setembro) e o 22 (outubro). Foi algo máis fresca a temperatura do 23 (resorte de novembro) e algo máis morna, en cambio, a do 24 (decembro).

Pode suporse que o final do inverno non terá temperaturas moi baixas, mentres que a primavera empezará sen que os termómetros suban por amais do normal e sen que os paraugas se abran, aínda que poden facer falta ao final. En canto ao verán, pode ser húmido, e as temperaturas máis altas chegarán ao final, manténdose esa tendencia, aínda que con oscilacións, no outono.

CONTRASORTES

A choiva, unha opción. O 25 de xaneiro (contrasorte de xaneiro) de xaneiro foi un día seco, despexado e non moi frío; o 26 (febreiro), igualmente seco e algo máis fresco. O 27 (marzo) foi algo chuvioso e non moi frío, igual que o 28 (abril). En cambio, houbo máis fresco o 29 (maio), que foi algo chuvioso; niso parecéuselle o 30 (xuño), aínda que máis morno. O 31 (xullo) foi chuvioso e non especialmente frío, ao contrario que o 1 e o 2 de febreiro (contrasortes de agosto e de setembro, respectivamente), con temperaturas máis ben baixas. O 3 de febreiro (outubro) foi seco, e as temperaturas suavizáronse. O 4 (novembro) foi algo húmido e algo fresco, mentres que o 5 (decembro) volveron o ambiente seco e as temperaturas suaves.

Seguindo eses rexistros, o inverno pode avanzar con ambiente seco e algo frío e acabar con algo de choiva e de valores máis mornos, mentres que a primavera pode traer precipitacións e algo de fresco en maio. Pode ser tamén húmido, sen moita calor, o verán, cun outono que empezo seco e con boa temperatura, que siga con humidade e con algo de frío e que acabe como comezou.

Á espera de que organismos dependentes de administracións públicas, como MeteoGalicia ou Aemet fagan as súas predicións, con base científica, e de que o avance do ano permítanos comprobar como é o tempo, as nevadas de días pasados válennos para lembrar que ‘Ano de neves, ano de bens'.