Homenaxe do Racing e do Lugo a Iván Navia, grave tras un accidente de coche

La Voz

LUGO

RACING DE FERROL

Os seus compañeiros do xuvenil do Ferrol e do seu exequipo lucense mostráronlle todo o seu apoio antes do partido do sábado

11 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O mozo dianteiro lucense Iván Navia, de 18 anos, atópase estes días ingresado de gravidade no hospital como consecuencia dun aparatoso accidente ocorrido o pasado mércores de madrugada cando circulaba nun turismo que se accidentou en Ferrol. No mesmo vehículo ían outros tres compañeiros de estudos de Iván, un deles tamén con feridas graves.

O mozo lucense empezou esta tempada co Racing de Ferrol de xuvenís de División de Honra ao vir estudar Enfermería á urbe naval. O adestrador, Manel Fernández, destaca a súa intelixencia como xogador e a súa boa definición como dianteiro. A noticia do grave accidente ocorrido caeu como un xerro de auga fría no vestiario, onde esa mesma tarde o resto de compañeiros xa sabían a gravidade. «Están todos moi preocupados, Iván integrouse moi ben, é moi bo rapaz e o resto quérenlle moito. Teñen ganas de que se recupere e poder ir velo e apoialo», sinala. De feito, o grupo saíu moi concentrado ao encontro do sábado fronte ao Lugo coas ganas de dedicarlle a vitoria. Daba a casualidade d que Iván ía xogar este sábado contra o seu anterior equipo. Ambos os clubs rendéronlle homenaxe coas camisetas de Navia e, tras finalizar o partido, no vestiario, os compañeiros racinguistas brindáronlle a vitoria cunha foto de apoio.

O estado de saúde de Iván Navia é bastante grave e estase á espera de como evolucione nos próximos días para saber o estado das súas lesións. Antes de militar no Racing de Ferrol, o dianteiro lucense iniciou a súa carreira futbolística na Residencia, no fútbol 8, para logo entrar nas categorías inferiores do Lugo. Hai dous anos, por cuestións familiares, integrou o persoal do Palas .