Facer valer o factor Pazo

Tito Díaz LUGO .

LUGO

LOF

07 feb 2019 . Actualizado ás 17:38 h.

O Breo perdeu, 83-69, aínda que menos claramente do que indica o resultado, e o Obra gañou, 91-79, tamén menos claramente do que indica o resultado.

Foron dous partidos duros, igualados e bastante trabados, e ante dúas boas defensas, máis especulativa a de Zaragoza, máis física, máis dura, a de Murcia. E a diferenza, rival á parte, estivo moito no acerto, especialmente no triplo e no tiro libre:

O Breogan mal, fixo 8/29 en triplos (un 28%) e 13/23 en libres, (un 57%), mentres que o Obradoiro ben, 12/26 en triplos (un 46%) e 29/33 en libres (un 88%).

Ademais o xogo de ataque do Obra mostrouse sólido e consistente, só 5 perdas ante unha moi dura defensa, e defendeu moi ben á súa vez, conseguindo unha importante vitoria apoiado polo seu público. O xogo do Breogán foi menos sólido, 18 perdas, e o seu defensa quizais non tan resolutiva, só 14 puntos tras perda por 25 de Zaragoza, aínda que é verdade que xogaba fóra de casa e isto sempre se nota á hora de poder facer o baloncesto que pretendes.

Agora con Sito Alonso Murcia é aínda máis duro atrás, non lle importa gastar faltas con tal de impor o seu defensa, e quizais menos fluído diante, con menos ritmo, bastantes cambios no xogo en pouco tempo, menos dunha semana desde o cambio de Javier Juárez por Sito.

O vindeiro domingo partir das cinco da tarde o Breo recibe ao Murcia, e aínda que falta moito para o final da liga é evidente que o partido é xa importante para ambos os equipos.

Sito Alonso terá tido unha semana máis para implantar a súa proposta de xogo, Óscar Latexe nisto poderá informar ben a Natxo Lezkano, e o Breo sabe que ha de xogar un partido moi serio para poder superar a que se agarda unha moi forte defensa, e ademais pór na pista, como mínimo, a mesma fortaleza que seguro que pon Murcia, un equipo moi físico. Á parte, claro, de mellorar o acerto desde o triplo e o tiro libre.

Pero o factor cancha o domingo estará de parte do Breo. E eu, como calquera, penso que de xogarme algo importante, mellor facelo en casa.

E máis no Pazo Universitario e con ese público, o maior, o mellor, activo do Breo. Fará falta e haberá que sacalo, máis que nunca, o domingo.

¡A gañar!