Non é conveniente estancarse

Ricardo Hevia

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

25 ene 2019 . Actualizado ás 17:54 h.

Non parecía Valencia o máis indicado para gañar comodamente no Pazo e en cambio foino. Deixounos sen partido antes do previsto, aproveitando a peor actuación como local do Breo. Incluso o ambiente non tivo a efervescencia habitual, algo non funcionaba, detectado pouco tempo despois de empezar. Unha vez máis, como o día de Zaragoza, dous xogadores moéronnos a triplos e tamén se detectou algunha dúbida que apunta ao futuro, ata soubemos que Millsap ten que acostumarse ao baloncesto europeo. Ocórrenseme varios americanos, desde Greg Foster en diante que chegaron a Lugo co tempo xusto para coller o autobús ou calzarse as botas e saíronse. O único que parece claro é que non Millsap nin Dragicevic teñen o perfil para ser substitutos de Jordan.

En fin, sen pausa a liga continúa e se non foi ningunha traxedia a última derrota, aparece polo Pazo Manresa, equipo histórico onde os haxa e esta tempada auténtica revelación do campionato, ademais de por os resultados, polo seu xogo valente e intenso, un pracer ver os seus partidos, o último ante o Madrid como todos os anteriores. Tivo lesións e baixas importantes, pero segue xogando igual, se perdeu claridade haberá que preguntarlle a Peñarroya, pero o que non perdeu son os acenos de identidade. Defensa límite e mantemento sempre da orde. Non é unha final, tampouco hai que dramatizar, pero para seguir habitando en zona confortable haberá que gañar.

Ninguén nos vai a quitar ningunha das seis vitorias, pero convén non estancarse.