A seguridade en Lugo: 4 bombeiros e 4 policías locais durante a fin de semana

Xosé Carreira LUGO / LA VOZ

LUGO

O PP advirte de que o plan de urxencias leva sen actualizar desde 2007

24 ene 2019 . Actualizado ás 16:37 h.

Catro bombeiros o sábado e outros tantos policías municipais na noite do venres para atender calquera problema que se producise en Lugo. Esa foi a nómina de efectivos dispoñibles. O normal serían nove axentes da policía e polo menos outros tantos bombeiros. Non hai persoal porque o Concello, insisten sindicatos de ambas as institucións, non cobre as prazas.

A seguridade en Lugo está comprometida por non reforzarse a Policía Local nin os bombeiros e, ademais, non actualizarse o plan de urxencias. É unha opinión do viceportavoz do grupo municipal do PP, Enrique Rozas, quen indicou que só catro bombeiros tiveron que afrontar un incendio que se produciu pola tarde, con risco para persoas. A esta saída non puido acudir a Policía Local porque os poucos axentes dispoñibles estaban na carreira Corre connosco.

Esta falta de medios vén repetíndose con moita frecuencia nos últimos tempos. Varias urxencias ao mesmo tempo poderían quedar sen resposta. CSIF, o sindicato que leva a voz cantante na Policía Local, lembrou que nas noites do venres houbo 4 axentes e cinco nas do sábado e o domingo. O normal serían 9. Con este panorama, non houbo persoal para a atención de seguridade. Só puido funcionar a patrulla de atestados para atender posibles.

Plan sen actualizar

A alcaldesa, lembrou o concelleiro Enrique Rozas, segue sen actualizar o plan municipal de urxencias, cuxa actualización é do 23 de maio de 2007. Non o fixo, dixo, a pesar de que hai un acordo plenario de abril de 2018 para renovar o contido. «É unha responsabilidade das corporacións locais, a actualización deste documento, pero a día de hoxe, Lugo non está preparado para afrontar os riscos que poidan aparecer. Os socialistas puxéronlle prezo á seguridade dos lucenses no pleno de abril de 2018 ao votar en contra da actualización deste documento, no que aínda non aparecen infraestruturas que hai na cidade e que, ademais, esquece barrios completos de Lugo», contou Rozas quen aclarou que ese plan é un «manual básico, para atender con garantías as urxencias que poidan aparecer no termo municipal».

O plan actual, lembrou está pensado para atender a unha poboación de 92.000 persoas, pero actualmente a poboación chega a xa a 98.000. «Non é unha sorpresa o desinterese que mostra o goberno local en materia de seguridade, xa que segue sen reaccionar para solucionar os problemas na Local», dixo Rozas.