Cvetkovic, único titular do Breo

Xosé Ramón Penoucos Blanco
x. r. penoucos LUGO / LA VOZ

LUGO

LOF

O serbio é o único xogador que saíu en todos os partidos no cinco inicial

18 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Cafés Candeas Breogán pecha a súa participación na primeira volta do campionato regular o vindeiro domingo no partido que disputará a partir das 17.00 horas no Pazo Universitario ante o Valencia. Nese encontro, se Natxo Lezkano opta por seleccionar a Alexandar Cvetkovic para saír no quinteto inicial do seu equipo converterao no único xogador do persoal que saíu de inicio en todos os partidos da liga ACB ata o momento.

O polivalente serbio sempre foi elixido polo seu adestrador para iniciar os partidos dirixindo ao equipo desde a posición de base e adoita actuar unha media duns 25 minutos en cada partido. A súa presenza é habitual tanto nos inicios dos partidos como no tramo final no que demostrou que non lle asusta asumir responsabilidades.

Cvetkovic, que chegou esta tempada a Lugo, converteuse nunha peza importante para o equipo e é dos poucos ao que ata o momento respectaron as lesións, motivo polo que tamén dispuxo de máis minutos que a maioría de compañeiros.

Nos 16 partidos que disputou coa camiseta celeste estivo en pista 406 minutos. O único xogador do persoal que lle supera neste apartado é Sergi Vidal, que se mantivo en pista 4 minutos máis que o seu compañeiro, aínda que só foi seleccionado para empezar os partidos en 11 ocasións.

O escolta está a responder á confianza do seu adestrador coas súas actuacións e atópase entre os xogadores máis valorados do equipo. A súa achega é sobre todo importante no que compete ao tiro exterior, sobre todo nos lanzamentos de tres, que supoñen a súa verdadeira especialidade. Polo momento transformou 37 triplos dos 84 que intentou, o que supón unha porcentaxe de acerto do 45%, cifra bastante boa para un tirador de longa distancia.

Os xogadores polos que o preparador breoganista se decantou en máis ocasións para comezar os partidos son Alec Brown, titular en 13 encontros, Volodymyr Gerun en 12 e Lucio Redivo e Johan Löfberg en 8. O resto de integrantes do persoal afástanse considerablemente destas cifras, aínda que na maioría dos casos non puideron entrar cunha maior asiduidade nas formulacións do seu adestrador nalgunhas ocasións por estar lesionados e noutras por acabar de chegar ao equipo recentemente.