Manel Sanchez: «Gañar ao Madrid non é utópico»

LUGO

oscar cela

O aleiro participou nos dous primeiros triunfos do Breogán ante o coloso branco

12 dic 2018 . Actualizado ás 11:40 h.

O Breogán logrou en menos dun ano dúas vitorias ante o Real Madrid, primeiro en Lugo na campaña 1990/91 e meses despois na capital de España na liga 1991/92. Un dos xogadores que participou en ambos os partidos e que foi decisivo para lograr a vitoria foi o gran capitán breoganista. O sete lembra de bo grado ambos os choques e especialmente «a cara dos rivais cando vían que ían perder e que non podían facer nada». O aleiro cre posible que a unión entre público e equipo poida servir para que o Breo supere o vindeiro domingo aos de Pablo Laso, aínda que recoñece que será moi difícil.

Os recordos do sucedido na pista a primeira vez que o Breogán superou ao Madrid non son demasiados no caso de Manel. «A verdade é que non recordo moito dese encontro. Xoguei moitos minutos e non fixen un bo encontro, pero estiveron moi ben os meus compañeiros como Giomi, Alonso, Roca ou Riley. No meu caso sempre me puñan a un can de presa para marcarme».

O que ten fresco na súa memoria é o ambiente no vello pavillón municipal. «Estaba a rebordar, e tamén é verdade que era unha cita na que moita xente, ademais de vernos a nós, viña pensando en ver ao Madrid, algo lóxico considerando a gran cantidade de madridistas que hai na provincia. All final presenciaron un desenlace imprevisible e foron testemuñas dun feito histórico. Nós estivemos ben nun partido moi preparado e eles non e aproveitamos o noso bo partido e o respaldo do público que é o noso gran activo para gañar», dixo Manel Sánchez.

O cariño da xente tras o encontro foi especial. «É verdade que antes estabamos máis en contacto cos afeccionados aos que viamos todos os días polo centro e sempre se achegaban a nós tras os partidos. Esa noite non nos cansamos de recibir felicitacións», expresou Manel Sánchez. 

Triunfo en Madrid

O aleiro internacional ten máis vivos os recordos do triunfo na pista do Madrid. «Foi un partidazo no que estiveron a un gran nivel Allen e Cabezudo e ao meu tamén me saíron as cousas perfectas. Foi moi duro, ao verse por baixo no marcador non cesaban de lanzarnos golpes, sobre todo na zona», dixo Manel Sánchez.

A presenza testemuñal de afeccionados do Breo nas bancadas é un dos mellores recordos de Manel. «Había 2 ou 3 rapaces de Lugo aos que escoitabamos animarnos nalgún momento e o resto do público rir deles, pero ao final démoslles unha gran alegría e fomos nós e a nosa xente os que rimos».

O que Manel Sánchez sempre terá presente é o aspecto dos rivais en ambos os partidos. «A cara dos xogadores do Madrid de non ser capaces de darlle a volta ao partido e de saber que ían perder non se me borrará nunca. Son momentos nos que gozas ao máximo».

Á hora de quedar cun dos triunfos, Manel Sánchez non o dubida. «Gañarlles en casa ai ante a súa xente é algo imposible de explicar. Superarlles en Lugo e ante a nosa xente é impresionante, pero facelo fóra con todo en contra e facendo un partidazo para gañar nun lugar que parecía inexpugnable resulta incrible».

As dúas tempadas nas que se produciron eses triunfos son lembradas con cariño por Manel Sánchez. «Teño moi presente que fixemos boas campañas e que eramos un equipo moi competitivo, a pesar de ser un club pequeno. Recordo especialmente o cambio de americano e a chegada de Allen, un aleiro americano branco que podía xogar perfectamente de pivote e que nos achegou moitas cousas».

Manel Sánchez non ve inviable que o Breo gañe o vindeiro domingo ao Madrid e non quere dar consellos aos actuais xogadores. «Non é unha utopía que poidan gañar. Para iso, aínda que non son ninguén para dar recomendacións, teñen que pensar en gozar dun gran partido e tratar de estar sempre metidos no encontro. Se manteñen vivas as súas opcións ata o tramo final e están activos poden pasar calquera cousa. O Madrid é agora o mellor equipo do baloncesto europeo, pero tampouco é imbatible».

No que compete a se era máis difícil gañar ao Madrid antes que agora, Manel Sánchez teno moi claro. «Agora as cousas están máis igualadas coa posibilidade de fichar estranxeiros e comunitarios e non hai grandes diferenzas. Antes os grandes dábannos aos pequenos malleiras históricas e gañarlles era ciencia ficción, pero nós fixémolo».