Onde meteu 700.000 euros a empresa do lixo?

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

O BNG quere saber se o diñeiro foi destinado a campañas de difusión para as que estaba previsto

08 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A empresa Urbaser segue ocupándose do servizo de recollida de lixo e limpeza na cidade de Lugo, a pesar de que leva moito tempo co contrato caducado, algo que denuncia con insistencia a oposición. Agora, o BNG, segundo dixo onte o portavoz municipal desta formación, Rubén Arroxo, quere saber onde foron a parar 700.000 euros que a firma «tería que ter destinados ao pago de campañas de difusión, tal e como estaba previsto na oferta de mellora».

O edil nacionalista explicou onte que presentará unha serie de preguntas en relación coas melloras ofertadas pola empresa no momento da concesión do servizo no ano 1996. Unha delas era a de destinar o 0,5% do importe do contrato anual (ao redor de 7,2 millóns de euros) a campañas de difusión e concienciación.

Destaca o concelleiro que na propia oferta de mellora estaba descrito o destino da cantidade, uns 35.000 euros anuais. «Segundo o reparto ofertado pola propia empresa irían destinados o 15% a valados publicitarios, 5.205 euros aproximadamente; o 15% a marquesiñas (5.205 euros); o 25 por cento a emisoras de radio (8.750), o 15% a prensa escrita (5.205) e o 30% a folletos e tebeos (10.500)», indicou o edil nacionalista quen lembrou que estes ofrecementos aparecen reflectidos nun dos tomos do estudo económico presentado no seu momento pola firma no Concello.

«Durante os anos nos que Urbaser tivo contrato no Concello de Lugo e onde segue recibindo pagos a través de facturas, a empresa tiña que ter destinados uns 700.000 euros ao pago de campañas de difusión tal e como estaba previsto na oferta de mellora. Preguntaremos a que se dedicaron estes fondos que superan os 700.000 euros en todos estes anos. Trátase dunha cantidade moi elevada e queremos saber cal foi o seu destino final».

Queixas de Cidadáns

Cidadáns tamén se mostrou onte crítico con Urbaser, entre outras razóns, pola falta de limpeza dos sumidoiros, o que provoca inundacións en diversos puntos da cidade.

A situación, dixo onte o edil Jesús Expósito, empeorou no último ano porque a empresa leva co contrato caducado desde marzo de 2017, «o que implicou un empeoramento dos servizos prestados». Segundo o partido laranxa, Urbaser «non cumpre coa frecuencia fixada no contrato para a limpeza e baldeo das rúas o que lle xerou unha situación de sucidade inusual na cidade».

Cidadáns di que é especialmente grave que o contrato do servizo de limpeza segue sen estar licitado «cando a cidade está sucia, con colectores rotos e sumidoiros atrancados», segundo o edil Expósito.