Animais cunha segunda oportunidade

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Un colectivo atende a oitenta familias con mascotas a través dun banco de alimentos e coida de cans, gatos, cabras, unha egua e un burro

08 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Abu, Pepa, Meiga... teñen unha historia en común: son animais -un burro, unha egua e unha cadela- que foron vítimas de malos tratos e que agora están a gozar dunha segunda oportunidade grazas ao traballo e á concienciación de Noelia Rodríguez e Alberto León, dous voluntarios da asociación lucense Axuda Alimentaria Animalista, e de quen colaboran con este colectivo, como Bigotes, de Lalín.

A asociación lucense traballa en dúas grandes frontes: a acollida e coidado dos animais e a procura de familias de adopción, e un banco de alimentos para animais. Precisamente hoxe, o colectivo terá un posto informativo no supermercado Lidl de Lugo, onde recollerán alimentos para animais. O 15 de setembro e o 20 de outubro estarán en Kiwoko. Fundamentalmente, necesitan víveres para cans e gatos, pero tamén son benvidos alimentos para vacas, galiñas, paxaros, cabalos... pois as necesidades afectan a todo tipo de animais.

80 familias reciben alimentos

A asociación funciona desde hai ano e medio, aínda que os voluntarios levan «toda a vida» axudando aos animais. Na actualidade, colaboran cunhas oitenta familias de toda a provincia -Lugo e a súa contorna, A Mariña...- a través do banco de alimentos, onde recollen diferentes tipos de penso, herba... A maioría, son familias con problemas económicos. «Con esta axuda que prestamos a través do banco de alimentos de animais búscase evitar os abandonos», explica Noelia Rodríguez.

Doutra banda, o colectivo lucense coida nas súas instalacións a numerosos animais: quince cans, un burro, unha egua, dúas cabras ananas, varios gatos... E a maioría foron vítimas dos malos tratos, chegando ás instalacións en pésimas condicións, tanto físicas como psíquicas, e cunha dura historia ás súas costas.

A de Abu é unha delas. Este burro foi recollido na zona de Vigo despois de ter pasado toda unha vida traballando duramente: «Foi maltratado e chegou sen microchip e cun pésimo estado de saúde. Hoxe en día, tras seis meses con el, está recuperado e parece outro: é feliz e xa camiña por si só», explica Rodríguez.

Esta voluntaria destaca a necesidade e a importancia deste tipo de iniciativas, pois o número de abandonos de animais crece e a Protectora de Lugo está saturada.