Aumentan as visitas á Domus do Mitreo, con máis de 3.000 en agosto

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

ÓSCAR CELA

Desde a súa apertura en maio como museo universitario, de pago e con horario ampliado, recibiu a case 8.000 persoas

04 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Máis de 3.000 persoas visitaron o Museo Universitario A Domus do Mitreo no mes de agosto, o que supón un incremento da afluencia de máis do 35% con respecto ao mesmo período do ano 2017. O balance de visitas deuno a coñecer onte a USC, que se encarga en exclusiva desde maio da Domus do Mitreo. De feito, desde a apertura do centro como museo universitario, van case 8.000 visitas contabilizadas.

A USC cualifica de «afluencia récord» a rexistrada en agosto, 3.175 persoas, fronte ás 2.320 que se achegaran en agosto do ano pasado. O centro mitraico lugués, ademais de ser xestionado pola Universidade, estreou outros cambios en maio, como a ampliación do horario de apertura e a implantación de taxas de entrada.

De feito, na actualidade está aberto de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, e os domingos de 11.00 a 14.00 horas. No verán, as visitas en quenda de tarde amplíanse ata as 21.00 horas. Tamén permanecerá aberto durante as festas do San Froilán e o 1 de novembro.

As estatísticas de visitantes da Domus do Mitreo revelan tamén unha salientable presenza de público estranxeiro, un colectivo que no mes de agosto superou as 300 persoas, arredor do 10% do público rexistrado.

Dos visitantes foráneos contabilizados neste período, 237 procedían de países europeos, 66 do continente americano e 4 doutros lugares.

Respecto da procedencia dos 2.868 visitantes nacionais de agosto, 271 eran da cidade de Lugo, 67 doutros puntos da provincia, 292 doutros lugares de Galicia, e 2.238 doutras comunidades autónomas.