A federación veciñal di á Xunta que Lugo precisa xa a anunciada residencia da terceira idade

Enrique Gómez Souto
enrique g. souto LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Suxire un incremento do número de prazas inicialmente previsto

31 jul 2018 . Actualizado ás 23:56 h.

Que a provincia, en xeral, e a capital lucense, en particular, precisan prazas públicas de residencias da terceira idade é un feito coñecido. Desde a perspectiva da Federación Provincial de Asociacións Veciñais, presidida por Jesús Vázquez, cubrir dita carencia é algo urxente e que non pode demorarse máis. Por iso, a federación insta a Xunta a crear canto antes a residencia anunciada nos terreos do antigo Hospital Xeral, con máis de cen prazas. A federación suxire mesmo un incremento do número de prazas que se programan no devandito centro. Dio así: «Recordamos que en Lugo capital e na súa comarca case hai 100.000 habitantes, e só conta con dúas residencias públicas; como consecuencia desta carencia, as listas de espera poden chegar a dous anos. Por outra banda, vemos un problema moi grave de desarraigo cando hai que trasladar aos nosos maiores a outra provincia debido a carencia de prazas. Nós propoñemos que se oferten máis prazas na provincia a que pertence o solicitante».

Para a federación, xa transcorreu un tempo suficiente desde que a Xunta asumiu o compromiso como para que as obras comecen canto antes.

Doutra banda, dita agrupación de asociacións veciñais pon o acento no control pola Administración das prazas concertadas en residencias da terceira idade. «Ultimamente estamos a ver os problemas aos que se enfrontan os xeriátricos públicos, xa que os concertos merman a súa xestión. Parécennos ben os concertos, pero solicitamos máis residencias públicas, máis control por parte da Consellería de Asuntos Sociais sobre as prazas que teñen concertadas, inspeccións en xeriátricos privados e control da relación entre persoal contratado e usuarios atendidos».

Lembra que se, no seu conxunto, Galicia ten unha poboación envellecida, o problema máis grave preséntase nas provincias do interior e concretamente en Lugo. Este feito xunto á falta de prazas en residencias públicas, fai que a federación inste a Xunta a axilizar a creación e posta en servizo da residencia que anunciou nos terreos do antigo Hospital Xeral de Lugo.

«En Lugo capital e na súa comarca case hai 100.000 habitantes e só dúas residencias públicas»

«Queremos máis control por parte da consellería sobre as prazas que están concertadas»