Carballo por fin recoñece que lle gustaría ser alcalde de Lugo

Enrique Gómez Souto
enrique g. souto LUGO / LA VOZ LUGO / LA VOZ

LUGO

É o máis parecido a unha confirmación da súa candidatura á alcaldía que ofreceu ata agora

30 may 2018 . Actualizado ás 09:42 h.

Coa que está a caer sobre o PP, asumir papeis protagonistas baixo estas siglas esixe unha decidida vontade de implicarse na política popular sexa cal for o ámbito. Por iso, ten especial valor a afirmación de Ramón Carballo, actual subdelegado do Goberno, durante unha entrevista na Radio Galega, de que lle gustaría ser o alcalde de Lugo para sacar á cidade da parálise, que, na súa opinión sofre na actualidade. A declaración de Carballo ten un dobre valor informativo: por unha banda, o de reforzar a súa implicación co PP nun momento especialmente duro para este partido; por outro, porque é a primeira vez que, sen que teña sido anunciada a súa candidatura á alcaldía de Lugo, recoñece que lle gustaría ser alcalde desta cidade.

Carballo lánzase, deste xeito, ao rodo político en clave electoral. Parece, a tenor das súas manifestacións, que está a piques de ser anunciada oficialmente a súa candidatura.

Na mesma entrevista, Carballo, presidente da agrupación local do PP, sinalou que se constituirá un comité asesor de expertos para elaborar o programa electoral, que sexa capaz de dar resposta ás necesidades da cidade e canalizar os desexos dos cidadáns. Entende, á vista dos resultados das últimas enquisas, que os lucenses están descontentos co goberno presidido pola socialista Lara Méndez.

Carballo recoñeceu a existencia de contactos co grupo Foro Lugo Independente, presidido por Ildefonso Saavedra. Hai que lembrar, con todo, que Saavedra declarou a mediados de mes que daba por rematado o prazo ofrecido ao PP para tomar unha decisión; na data fixada, o día 15, non tivera resposta algunha dos populares. Carballo indicou na mesma entrevista que Foro debería sumarse ao proxecto popular sen ambicións persoais.

Así as cousas, parece estar preto a confirmación da candidatura de Carballo á alcaldía de Lugo nas próximas eleccións locais. Poden ser decisivas para o futuro do PP na provincia, señaladamente na capital.