Veciños de Conturiz están sen auga e levan tres meses agardando a que o Concello lles dea o enganche

Lugo / La Voz

LUGO

Óscar Cela

24 sep 2017 . Actualizado ás 14:32 h.

A seca que se xerou ao longo do verán fixo que os pozos dun grupo de veciños de Conturiz secasen e que actualmente haxa problemas de subministración nunha decena de casas. A dramática sucesión motivou que onte fixesen un chamamento público ao Concello de Lugo para que «asuma a situación de emerxencia».

Os afectados, ao quedar sen servizo debido a que o manancial dos seus pozos esgotouse, optaron pola fórmula de solicitar un enganche para as súas casas á rede municipal. Aí empezou o problema. Están varados no Concello.

«Nas casas afectadas viven persoas en diferentes situacións de dependencia. Por iso facemos un chamamento público ao Concello de Lugo para que asuma a situación de emerxencia que supón a ausencia total de auga en moitas casas», dixo un veciño.

A traída municipal pasa por diante de todas as casas que están sen auga. Soamente sería preciso levar a cabo o enganche que pagan os veciños, pero a tramitación burocrática no Concello de Lugo se eterniza. Nos últimos tres meses, que é o que levan de espera, algunhas casas tiveron que conectarse á auga de veciños e compartila con mangueiras. Os veciños teñen que utilizar garrafas para poder cociñar e para os baños.