«Somos moitos vos músicos que levamos O Incio polo mundo»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LUGO

ROI FERNÁNDEZ

Este municipio réndelle homenaxe á súa tradición musical na súa feira anual de artesanía e etnografía

04 sep 2017 . Actualizado ás 19:15 h.

«Orquesta Imperial, a banda de música do Incio, a banda de Noceda, Ritmos Nuevos, Os Agarimos, Os de Darío, Aires de Antigua, Xarín....». O cantante e compositor Xavier Vizcaíno foi onte pola mañá o encargado de recitar o longo listado dos grupos e músicos solistas que deu O Incio desde os anos 40. Era o momento central da novena Feira de Artesanía e Etnografía que se celebrou neste municipio, e que nesta ocasión rendeu homenaxe á tradición musical local. «Somos moitos os músicos que levamos O Incio polo mundo», resumiu Vizcaíno antes de rematar a lista co seu propio nome e o da súa irmá, a cantante Lucía Pérez.

O Incio dedica cada ano esta festa a unha actividade económica ou cultural con tradición local, como a industria do ferro, o traballo coa madeira, ou o tecido de liño. Nesta edición, o Concello elixiu a música, e con esa ocasión se xuntaron onte na Cruz do Incio representantes das vellas orquestras de verbena e grupos de gaiteiros de mediados do século XX con intérpretes novos de estilos diversos, como o indie mesturado con folk do propio Vizcaíno, o pop de Lucía Pérez ou a música tradicional do grupo Xarín, que este verán volveu tocar despois de máis de dez anos de parón.

Ou como Carme López, de 25 anos, criada en Rubián de Cima que se acaba de converter nunha das primeiras galegas en obter a titulación superior como intérprete de gaita, que tamén interveu onte pola mañá na presentación da feira, nun acto que se celebrou ás portas do edificio do Concello. «O Incio -dixo- é terra brava, carácter decidido e forte, como a forza que transmiten só con coller unha pandeireta as mulleres que tocaban e bailaban aquí e en toda Galicia».

Festa dous anos 50

Ao remate da presentación da feira, un grupo de músicos, entre os que estaban o veterano Rubén González, gaiteiro dos Agarimos, ferreiro e fabricante de palletas de gaita, Cosme Eladio Pombo, de Xarín e Lucía Pérez descubriron unha placa na praza do Concello na que se pode ler: «As xentes do Incio, na honra dos seus músicos, bailadores e artesáns dos instrumentos da ledicia, por encher as nosas vidas coa alegría da musica e do baile».

A festa empezou a media mañá, coa apertura no centro da vila de medio cento de postos de venda de produtos típicos e artesanía. E non rematou ata ben entrada a tarde, cunha festa con ambientación dos anos 50, dirixida polo grupo vigués O Fiadeiro.