A milenaria Muralla de Lugo cumpre 20 anos de galega

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

O 11 de outubro de 1994 a Xunta e o Goberno acordaron transferir o monumento a Galicia

19 oct 2014 . Actualizado ás 11:48 h.

Foi unha demanda histórica e, sobre todo, unha necesidade. A Muralla de Lugo vivía entre finais dos anos oitenta e inicios dos noventa unha deterioración constante e sen acordos entre as Administracións para a súa conservación. Os partidos que gobernaban no Concello, a Deputación, a Xunta e o Estado eran de signos contrarios e uns por outros ninguén se facía cargo da rehabilitación, mentres os danos cada vez eran maiores, como unha parte da Muralla que caía o 14 de marzo de 1990 preto de Bispo Aguirre.

A titularidade do monumento era estatal, por iso a inicios dos noventa comezaron as peticións para que o muro romano pasase a formar parte do patrimonio galego e así intentar a súa conservación co fin, por unha banda da súa mellora, e por outro, co horizonte de presentar a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade.

Como lembra o historiador Adolfo de Abel Vilela nun artigo publicado en La Voz de Galicia, o deputado lucense Cándido Sánchez Castiñeira presentaba en 1990 unha iniciativa no Parlamento solicitando a transferencia da Muralla á Xunta, sendo conselleiro Daniel Barata, quen indicaba que estaba disposta a asumila a condición de que houbese diñeiro para a súa restauración. E o ministro do entón, Jorge Semprún, non se mollaba no Senado a preguntas do novo José Blanco.

Pero foi anos máis tarde cando se deron os pasos para cambiar esta situación. Entraban na consellería Víctor Manuel Vázquez Portomeñe e no ministerio Carmen Alborch. O titular de Cultura da Xunta lembra nas súas memorias políticas que decidiu pugnar pola transferencia do monumento «convencido de que era a maior garantía da súa conservación».

Creouse unha comisión mixta entre ambos os gobernos para analizar transferencias que afectaban a materias de todo tipo. Na delegación galega ían os conselleiros Portomeñe, Dositeo Rodríguez, Pérez Vidal, Romay Beccaría e Diz Guedes, ademais dos deputados María Xosé Porteiro (PSOE) e Francisco Rodríguez (BNG), así como o delegado do Goberno en Galicia, Domingo García Sabell. Estivo tamén o director xeral de Patrimonio, Anxo Sicart, quen lembra que as negociacións foron duras: «Sempre hai máximos e mínimos, pero non caso dá Muralla de Lugo, dada a súa singularidade, foi moi complicado polo intercambio de cartos, era algo imposible de cuantificar». Sicart sinala que ao final se acordou crear un convenio de colaboración, chamado despois Plan Director, para executar en varias anualidades e poder intervir de xeito urxente sobre o monumento, que sufría danos importantes.

Portomeñe lembra que ao final, o Ministerio de Cultura achegou a metade do diñeiro. O 12 de novembro daquel 1994 acudiu a Lugo para anunciar que con cargo aos orzamentos de ambas as administracións habíanse adxudicado as obras de reparación de varios cubos. A inicios de maio de 1995, Xunta, Deputación e Concello asinaron o convenio para a limpeza a fondo da Muralla. O entón conselleiro de Cultura afirma que xa durante a súa primeira etapa como titular desa carteira, entre 1983 e 1986 «sen obrigación competencial algunha, pero desde a consideración que me inspiraba a vella cidade, ordenei á conta do meu departamento o levantamento de dous cubos derruidos na Muralla e o afianzamento doutros tramos».

O proceso de consolidación da Muralla a partir de 1995 non foi doado. E é que ese mesmo ano se tiveron que paralizar as obras por culpa dos problemas que sufría a empresa adxudicataria. O alcalde, Joaquín García Díez, mobilizouse para pedir ao conselleiro Portomeñe e á ministra Alborch que se retomasen canto antes os traballos para evitar que aumentase o dano sobre o monumento. Foron «atrancos» nun camiño que desembocou a finais do 2000 cando foi declarada Patrimonio da Humanidade.

aniversario un ben patrimonio mundial