«O xabaril fíxonos perder ao redor de 400.000 euros en dez anos»

Carlos Cortés
carlos cortés CHANTADA / LA VOZ

TABOADA

ROI FERNÁNDEZ

Gandeiros de Taboada, desesperados polas desfeitas que sofren nas súas leiras

20 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Manuel Arias e os seus compañeiros da sociedade agraria de transformación (SAT) Seixas, en Taboada, ten as cousas claras. Fai quince anos viron que lles conviña asociarse para crecer. Crearon a SAT no 2004 e nos cinco anos seguintes asentaron o proxecto, con instalacións, a maquinaria e a base de pradería necesaria para incrementar a súa cabana gandeira. Hoxe teñen unha boa dimensión e facturan por amais dos 900.000 euros, pero algo lles quita o soño, e non son precisamente os vaivéns do mercado do leite. Ou polo menos iso non é o único. O que os desespera son as desfeitas que provocan os xabarís nos terreos que teñen preparados para pasto ou plantados con millo. «A gandería en Galicia leva sesenta anos pasando por crises cíclicas -di Manuel Arias-, a que nos toca agora é a crise do xabaril».

Os gandeiros que forman parte da SAT Seixas déronse de cabeza contra a crise do xabaril no 2008, o ano que decidiron introducir o millo forraxeiro na alimentación do seu gando. Se o plantaban eles mesmos podían aforrarse ata un 40% do que lles supuña compralo. As contas saían, pero porque non incluíran ao xabaril na ecuación. Aquel ano perderon o 70% do que plantaran. «Foi unha catástrofe», resume Arias.

Despois daquilo, decidiron pedirlle axuda aos cinco cotos de caza que teñen terreos preto dos seus prados. Eles aseguran que non conseguiron máis nada que burlas e mesmo algunha reacción ameazante. En vista de que os cazadores non lles ían a solucionar o problema, intentaron arranxalo eles mesmos blindando os seus terreos. Nos anos sucesivos efectuaron un importante investimento en pastores eléctricos e valados. No 2009, compraron un todo terreo e contrataron a un traballador para que lles valase todas as leiras durante o inverno, antes de que chegase o momento de plantar o millo.

Pastores eléctricos esnaquizados

De pouco serviulles. Na maior parte dos casos, os pastores eléctricos non logran frear aos xabarís, que os esnaquizan. O mesmo pasa cos peches convencionais, así que ultimamente se decidiron a colocar malla de peche para ovellas, máis tupida, pero rodear con iso os seus cen hectáreas de terreo supón un investimento moi forte.

Estes problemas sóanlles a coñecidos a practicamente todos os gandeiros. Pero a SAT Seixo está nunha especie de zona cero do xabaril. Taboada e o resto dos municipios da comarca de Chantada cóntanse entre os que máis desfeitas sofren polas incursións destes animais silvestres en plantacións de millo, pastos e hortas. Pero é que ademais as súas leiras non están rodeadas doutros pastos, senón de monte, o hábitat do xabaril.

No conxunto da provincia de Lugo, algúns cálculos apuntan a que durante o 2018 os xabarís provocaron desfeitas en máis de mil leiras, que en conxunto suman un custo de cinco millóns de euros.

A SAT Seixas tamén fixo a súa particular achega a ese balance. Os seus propietarios fixeron contas e sáelles que desde o 2008 sufriron danos directos por valor de 240.000 euros por mor das incursións destes animais. É o resultado de multiplicar os 1.200 euros que custa de media plantar unha hectárea de millo polas aproximadamente vinte hectáreas que perden cada ano. Se a esa cantidade lle suman o custo dos valados e os pastores eléctricos -levan comprados vinte e cinco-, e o das reses que teñen que sacrificar porque se contaxian de tuberculose porcina, a cifra final é bastante maior. «Sumando todo -apunta Arias-, o xabaril fíxonos perder ao redor de 400.000 euros en dez anos».

Na SAT Seixas escribíronlle á Consellería de Medio Ambiente para expor a súa parte deste problema e reclamar solucións globais. «As perdas son cada ano millonarias e irrecuperables, e en moitos casos irreversibles, porque provocan o peche de explotacións», explican nesa carta. É unha realidade, a da crise do xabaril, á que aínda non se lle ve o final.