A crise atrasa a promoción turística dos miradoiros de Sober

SOBER

El Ayuntamiento de Sober editó un calendario para promocionar los miradores del municipio, que cuentan con un sello oficial de calidad turística
O Concello de Sober editou un calendario para promocionar os miradoiros do municipio, que contan cun selo oficial de calidade turística CARLOS RUEDA

O Concello tiña previsto iniciar en febreiro unha serie de actividades que se desenvolverán ao longo do ano

27 ene 2021 . Actualizado ás 05:05 h.

As novas medidas de prevención sanitaria obrigarán ao Concello de Sober a aprazar o inicio dunha campaña que ten por obxecto promocionar o conxunto de miradoiros do municipio, o único de España que conta por agora co selo Q de calidade turística. O alcalde, Luis Fernández Guitián, explica que en principio estaba previsto pór en marcha esta actividade en febreiro, algo que xa está descartado. «Esta campaña diríxese sobre todo ao público exterior, máis que aos veciños do municipio ou da comarca, e non ten sentido organizar actividades desta clase cando todos os concellos de Galicia están sometidos a un peche perimetral», explica.

De acordo co plan inicial do goberno municipal, a partir de febreiro deberían celebrarse diversas actividades todos os meses en cada un dos miradoiros situados na ribeira soberina do canón do Sil e a beiras do río Xabrega. «Tiñamos pensado organizar catas de viños, actuacións musicais e outras iniciativas, pero agora dependemos de como vaia evolucionando a situación sanitaria, non sabemos cando poderemos comezar e haberá que ir adaptando o calendario de actos ao que permitan as circunstancias en cada momento», apunta o rexedor. Outro proxecto que manexa o Concello para este ano consiste en realizar un vídeo promocional con imaxes aéreas dos miradoiros tomadas con axuda de drones.

O que si puido facer o Concello é editar un calendario do 2021 que foi deseñado coa finalidade de promocionar os miradoiros. A publicación contén unha serie de fotografías asinadas por Carlos Rueda , Pascal A. G., Rocío Fernández, Javier Álvarez Carneiro, Eduardo de Martís e Antonio Oviedo. Nelas poden verse os miradoiros da Cividade, Cadeiras, Pena do Castelo, Santiorxo, Os Chancís, Soutochao, Os Chelos e O Boqueiriño —todos eles con vistas sobre o canón do Sil—, Pena do Conde —a beiras do Cabe, fronte á súa confluencia co Sil— e o río Xabrega.

O selo Q foille concedido aos miradoiros de Sober en novembro polo Instituto de Calidade Turística de España, unha categoría que só outorgou a cinco espazos públicos.