Sober salva cunha edición austera a 40 Feira de Amandi

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

SOBER

Un momento de la inauguración oficial de la 40 Feira do Viño de Amandi, con el lema  amandízate  en primer plano
Un momento da inauguración oficial da 40 Feira do Viño de Amandi, co lema amandízate en primeiro plano CARLOS CORTÉS

O Concello celebra o certame a porta pechada para non perder o seu aniversario e apoiar a adegueiros e viticultores locais no ano do covid-19

06 dic 2020 . Actualizado ás 11:53 h.

Sober celebra esta fin de semana unha versión da Feira do Viño de Amandi adaptada ás circunstancias. Despois de meses de adiamentos e dúbidas, Concello e adegas locais decidiron non deixar de celebrar o certame neste 2020, no que a feira cumpre 40 anos. Os organizadores salvan desta forma un aniversario cunha cifra redonda, pero sobre todo gañan espazo para promocionar os viños locais. «Este ano está sendo moi complicado tamén para eles, así que calquera apoio é especialmente apropiado», explica o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián.

Esta Feira de Amandi sen aglomeracións non se celebra na rúa, senón no hotel Pazo de Sober. Participan 28 adegas, que presentan 55 referencias de viño. Da feira normal mantense a cata, o pregón e unha versión reducida do túnel do viño.

Los integrantes del panel oficial de cata tienen que valorar los 55 vinos presentados al certamen por las 28 bodegas participantes
Os integrantes do panel oficial de cata teñen que valorar os 55 viños presentados ao certame polas 28 adegas participantes CARLOS CORTÉS

A inauguración oficial foi este sábado ás once da mañá. Mentres no salón principal do hotel o xurado de catadores probaba os 58 viños participantes, nun edificio anexo, o alcalde, o presidente do consello regulador da denominación de orixe Ribeira Sacra e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, daban por inaugurado o certame. Xusto despois, a pregoeira desta 40 edición da Feira do Viño de Amandi, a actriz Benedicta Sánchez, daba o seu discurso, pero non no Pazo de Sober, senón desde a súa casa e a través das redes sociais. O formato do pregón e do conxunto da feira permite aos organizadores manter a convocatoria, aínda que sexa de forma simbólica e ao mesmo tempo respectar as normas para evitar contagios.

A Feira do Viño de Amandi permanecerá aberta toda esta fin de semana no Pazo de Sober entre as once da mañá e as dúas e media da tarde, pero a entrada está restrinxida ás persoas previamente invitadas pola organización. Trátase dunha lista limitada, formada sobre todo por profesionais vinculados á distribución de viño, a restauración e o xornalismo especializado.

A a unha e media da tarde de este domingo terá lugar a entrega de premios aos viños que obteñan máis votos na cata oficial.