A exposición itinerante «O fin do Camiño» chega a Sober

La Voz

SOBER

A exposición está instalada no centro sociocultural de Sober
A exposición está instalada non centro sociocultural de Sober CEDIDA

A mostra reúne imaxes e textos literarios sobre as rutas xacobeas

21 oct 2020 . Actualizado ás 11:59 h.

No centro sociocultural de Sober inaugurouse a exposición itinerante «O Fin do Camiño», organizada pola asociación lucense Egeria e patrocinada pola Xunta a través do programa O Teu Xacobeo. A mostra está formada por unha serie de paneis con imaxes das rutas xacobeas —dos fotógrafos Eduardo Ochoa e Carlos Puga— e textos en galego, castelán e inglés que, segundo explican os organizadores, «abordan o tema do fin do Camiño como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino para emprender este camiño milenario, tendo capítulos especiais para o motor da fe, os máis de mil anos dos camiños, o percorrido cara a unha terra de brumas e de luz».

Os textos literarios que se mostran na exposición son de autores tan variados como Dante Alighieri, frei Luis de León, Xosé Filgueira Valverde, José Luis Pensado, Tirso de Molina, Antonio Machado, Antón Fraguas, Eduardo Pondal, Álvaro Cunqueiro, Gonzalo Torrente Ballester, Miguel de Cervantes, Celso Emilio Ferreiro ou Manuel Rodríguez López. As fotografías —explican os promotores da exposición— «reflicten especiais visións dos camiños a Campostela, arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os máis sobranceiros».

No acto de inauguración da exposición participaron o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián; o párroco Raúl Otero; a presidenta da asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, Aida Menéndez; a bibliotecaria do Concello soberino, Julia Fernández Garza, e o presidente do colectivo Egeria, Xulio Xiz.