Outros 25.000 lucenses do centro e sur terán 100 megas no 2021

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

SOBER

SUSO PENA

Trátase de veciños de parroquias onde apenas hai cobertura que chegue a 30 megas

26 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Os plans de banda larga da Xunta e do Goberno para os territorios con peor cobertura de acceso a redes de Internet ultrarrápidas teñen como horizonte o 2021. Segundo os datos que manexa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) 15.500 habitantes de doce concellos do centro da provincia e 9.500 do sur poderán acceder a Internet de 100 megas no 2021.

«Ambas Administracións están a subvencionar a extensión de fibra en zonas brancas, é dicir, aquelas nas que non existe cobertura dun mínimo de 30 megas e nas que os operadores tampouco teñen previsto chegar», explican desde o Amtega.

No caso dos municipios do centro de Lugo (Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Lugo, Outeiro de Rei, Portomarín, Rábade, Vilalba, Sarria, A Fonsagrada e Castro de Rei), «o 96 % dos núcleos que se cubrirán grazas ás actuacións da Xunta e do Estado teñen menos de 300 habitantes e o 93 % incluso menos de 150 habitantes». O despregamento das liñas en marcha xa permitirá que este ano máis de 9.000 veciños de 68 núcleos desta zona teñan acceso á Rede de ata cen megas. Esta cobertura ampliarase a 220 núcleos e ao redor de 6.500 veciños co despregamento de fibra que continuará no 2021.

Pola súa banda, nos nove concellos do sur provincial (Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Sober, Quiroga, Chantada e Taboada), o 97 % dos núcleos que se cubrirán grazas ás actuacións de ambas as administracións teñen menos de 300 habitantes e o 96 % mesmo menos de 150 habitantes. O desenvolvemento das liñas permitirá este ano que máis de 6.000 veciños de 30 núcleos dos citados municipios teñan acceso a Internet de ata cen megas. Esta cobertura ampliarase a 200 núcleos e a máis de 3.500 veciños no 2021.

Ademais destes investimentos que financian a Xunta e o Goberno, cofinanciados con fondos europeos Feder, agárdase que o Estado saque outra liña de axudas para que as operadoras desenvolvan liñas en lugares onde si consideran que poden obter beneficios.

A provincia tiña hai dous anos a peor cobertura da Rede de España, cuns 79.000 habitantes que non podían chegar nin aos dous megas a través de conexións fixas, aínda que a través da rede 3G chégase case ao 100 % e con 4G supérase o 90 %.

118.500

105.000 no 2018

Veciños de 12 concellos do centro que terán 100 megas

30.000

20.500 no 2018

Veciños de 9 concellos do sur que terán 100 megas

7 polígonos

350 megas

Louzaneta, Veiga, Porto Seco, Acivros, Outeiro e Reboredo.