Unha parroquia, dous municipios

Antonio Rodríguez TRBUNA PÚBLICA

SOBER

07 jun 2019 . Actualizado ás 10:58 h.

Coinciden moitos antropólogos en que a parroquia é en realidade o verdadeiro marco de identidade local dos galegos. O apego primigenio é coa entidade entidade parroquial á que o artigo 40 do noso Estatuto de Autonomía sinala que se poderá recoñecer personalidade xurídica á parroquia rural». O campesiño galego considérase sempre membro da súa parroquia e nunca ou case nunca como membro do municipio, xa que este é algo exterior co que só mantén relacións económicas ou xurídicas.

Castelao dicía que «a parroquia é unha das máis pungentes características da nosa terra e de ningún xeito débese prescindir da súa existencia» e esta idea subsiste hoxe como célula básica estrutural da organización do rural galego. Fariña Jamardo no seu libro sobre a parroquia galega manifestaba que «non é só unha entidade eclesiástica, senón civil e administrativa e, sobre todo, sociolóxica cunha forza e características singulares que se conservan a través dos séculos e permaneceron ata os nosos días, a pesar de carecer de expresión legal adecuada».

O Coto de Doade pertenceu á antiga abadía monfortina de San Vicente do Pino ata que tras a Constitución de Cádiz de 1812 partes do seu territorio (Vilachá, Castro, Doade-poboo, Francos, Ceceda, Lampaza, Villar de Mouros e Mourentán) serviu de base para a creación do Concello de Sober e o resto (Palleiros, Vidual, San Pedro de Baños e Coado) pasou ao de Monforte.

Lisón Tolosana sinalaba que parroquia e municipio son entidades autónomas no sentido de que os veciños dunha mesma parroquia poden pertencer a distintos municipios, segundo en que parte da mesma residan, como sucede con Doade, a parroquia dividida entre Sober e Monforte. Unha mesma organización socio-económica-relixiosa formada por veciños da parroquia que se senten unidos en vida e a morte (todos se enterran no mesmo cemiterio parroquial).

Tras a Constitución Española, o poder local fíxose omnímodo, chegando a facer crer aos rexedores que o territorio é seu e poden mesmo modificar o nome dos lugares, cando a primeira estrutura básica é a parroquia.