«A aguia real podería chegar a aniñar no canón do Sil»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

SOBER

ANA GARCIA

O biólogo Óscar Rivas participará a fin de semana en Sober nunhas xornadas de divulgación da ornitoloxía

21 mares 2019 . Actualizado ás 18:55 h.

O biólogo Óscar Rivas é un dos expertos que tomarán parte esta fin de semana en Sober nunhas xornadas de divulgación da ornitoloxía que organiza o grupo de desenvolvemento rural Ribeira Sacra-Courel. As súas intervencións tratarán sobre a observación das aves no canón do Sil e as épocas do ano máis apropiadas para estas actividades.

-Cales son as estacións do ano máis recomendables para observar aves no canón do Sil?

-Sobre todo a primavera e o verán, porque nestas épocas chegan varias especies migratorias moi interesantes. Na primavera, por exemplo, veñen aves rapaces como o miñato queimado e a aguia caudal, chamadas respectivamente en castelán milano negro e águila calzada. O canón do Sil resulta moi favorable para acoller aves rapaces, porque hai grandes formacións rochosas que lles ofrecen lugares adecuados para aniñar.

-Moitas veces dise que no canón vive tamén a aguia real. Ata que punto iso é certo?

-Ata agora non se confirmou ningún aniñamento de aguia real nesta zona, pero o canón está dentro do territorio de varias parellas que aniñan no sur de Ourense, sobre todo no Xurés, onde esta especie está sendo reintroducida. Se se dan unhas condicións favorables, a aguia real tamén podería chegar a aniñar no canón do Sil, pero por agora só é posible avistar algún exemplar de forma ocasional. Algo parecido sucede co voitre branco -alimoche en castelán-, que aniña na serra de Enciña da Lastra e ás veces visita o canón do Sil.

-Que condicións deberían darse para que se asenten as aguias reais neste territorio?

-O canon é apto para que aniñe esta especie, pero o problema parece estar nas fontes de alimentación. Para sobrevivir, estas aves necesitan cazar coellos ou perdices, que nesta zona non abundan tanto como noutros lugares. Noutros territorios capturan tamén crías de cabra montesa ou de rebezo, que non están presentes aquí, aínda que si hai corzos, que tamén son unha posible presa.

-Que importancia teñen as outras aves, ademais das rapaces?

-No canón do Sil e no seu entorno hai moitas outras especies de todo tipo, porque hai hábitats moi variados e porque neste territorio conflúen as áreas bioclimáticas atlántica e mediterránea. Por iso é unha das rexións de Galicia máis interesantes para a observación de aves.

-Que futuro pode ter neste territorio o turismo ornitolóxico?

-Pode ter unha importancia grande na medida en que se conserve a paisaxe tradicional e un ambiente tranquilo. Penso que a masificación, a potenciación excesiva do turismo deportivo e de aventura e a transformación do territorio nun parque de atraccións non son favorables para a conservación das aves silvestres.