O acusado de abusar dunha menor en Sober alega alcoholismo e négao todo

La Voz

SOBER

CARLOS CORTÉS

Ante a súa insistencia en reivindicar a súa inocencia, o seu defensor pide a absolución

13 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O avogado defensor do sospeitoso de ter abusado da noiva menor de idade dunha migo do seu fillo chegou onte ao xuízo por este caso coa intención de pedir ao tribunal que, como moito, condenase ao seu cliente por abuso sexual, e non por agresión, como piden as acusacións. Pero a insistencia do seu cliente obrigouno a cambiar de plans e pedir a súa absolución. «El insiste en que non fixo nada», explicaba onte o letrado á saída do xuízo. Os feitos ocorreron en Sober no 2011, cando a denunciante tiña 14 anos e estaba embarazada de cinco meses.

«É algo que vou revivir sempre», dixo a moza no xuízo que se celebrou onte na sección segunda da Audiencia de Lugo, en declaracións recollidas pola axencia Europa Press. No seu testemuño ante o tribunal, a muller reafirmouse no relato do ocorrido que fixo no seu momento no xulgado de Monforte que instruíu o caso. Asegura que o home lle propuxo levala onde o seu noivo e o fillo do procesado estaban a cortar leña, entre as parroquias de Millán e Vilaescura, pero que no canto de facer iso desviouse por un camiño que discorría entre árbores. Sempre segundo ela, tras deter o vehículo díxolle que lle daría cincuenta euros se se deitaba con el, botóuselle amais , sobouna e bicouna, a pesar da súa negativa. Ela logrou abrir a porta e saír do coche para escapar, pero el seguiuna e agarrouna. A denunciante sostén que no forcexo fose do coche, el rompeulle a camiseta e deulle unha puñada no abdome cando lle advertiu que estaba embarazada.

Un aborto aos poucos días

«quedei sen bebé», dixo onte a moza no xuízo para explicar que menos dunha semana despois sufriu un aborto e perdeu a filla que agardaba. Na súa declaración de onte, afirmou tamén que ante a súa resistencia, o home ofrecíalle máis diñeiro por manter relacións. E engadiu que o home non deixaba de bicala a pesar de que ela o apartaba. Sete anos despois, a moza segue coa parella que tiña entón e ten dous fillos.

Cando lle chegou a súa quenda, o acusado asegurou ante o tribunal que nin sequera tocou á moza. Negou mesmo que a coñecese ou que soubese que era menor de idade. O que si recoñeceu é que naquel momento tiña «un problema serio co alcol», aínda que asegurou que a mañá que ocorreron os feitos non consumira nada. O seu alcoholismo chegou a obrigar a ingresalo nunha ocasión no hospital de Monforte.

O avogado defensor do acusado, o monfortino Carlos Pérez, propuxera tras o peche da instrución no xulgado local que o home fose condenado como moito por abuso, nunca por agresión sexual, pero onte cambiou de formulación. O que finalmente pide é que o tribunal o absolta e precisa que no caso de que sexa condenado lle sexa aplicada unha atenuante pola súa condición de alcohólico e que no canto de entrar en prisión sexa sometido a un internamento baixo vixilancia médica especializada.

Declaracións contraditorias

O avogado asegura que algunhas testemuñas propostas pola acusación e a propia vítima incorreron en contradicións na súa explicación de como sucederon os feitos. Pero o seu cambio de posición non ten que ver con iso, senón coa insistencia do seu cliente en que non fixo nada do que a denunciante di.

Cárcere e compensación para a vítima

Tanto a Fiscalía como a avogada Lourdes Pardo, que exerce a acusación particular en nome da vítima, reclaman que o procesado sexa condenado a sete anos de cárcere como responsable dun delito de agresión sexual. Tras o xuízo, Pardo explicou que para a súa clienta fora moi duro lembrar aqueles feitos sete anos despois. «É un tema moi duro para ela, agora ten 22 anos, pasou tempo e ten que superalo e pasar páxina», di a avogada. A moza, engadiu o seu representante nestas declaracións ante os xornalistas que acudiron ao xuízo, está «plenamente convencida» de que ao aborto se produciu a consecuencia da agresión que sufriu. A avogada lembra ademais que cando a vítima acudiu a urxencias tras o incidente xa lle dixo ao persoal que a atendeu que lle doía o abdome.

Con todo, a Fiscalía recolle no seu escrito de acusación que non hai xeito de demostrar que haxa relación entre un feito e o outro, así que non incluíu o aborto na súa cualificación do sucedido e na súa petición de condena.

A avogada da acusación particular pide, ademais da condena de prisión, unha indemnización de 9.000 euros para a súa clienta.