Sober decláralle a guerra ás mimosas

La Voz

SOBER

CONCELLO DE SOBER

Cortan árbores desta especie invasora en tres puntos do canón do Sil

18 sep 2018 . Actualizado ás 10:34 h.

O Concello de Sober acaba de limpar de mimosas tres hectáreas de monte no seu tramo do canón do Sil. As tallas están financiadas pola Xunta e teñen como obxectivo liberar o ecosistema do canón de especies vexetais invasoras, entre as que a mimosa é a máis habitual.

O 18% do territorio municipal de Sober forma parte da rede Natura. Nesta figura de protección ambiental entra todo o canón do Sil, que ademais está clasificado como Zona de Especial Conservación (ZEC). O Concello dispón dun orzamento anual de 9.000 euros, financiado pola Consellería de Medio Ambiente, para levar a cabo estes labores forestais e invísteo todo na área ZEC do canón e a súa zona de influencia.

O proxecto que lle financia Medio Ambiente ao Concello de Sober inclúe a eliminación de especies exóticas e a restauración da vexetación característica do canón do Sil. Segundo a información facilitada polo Concello, as áreas nas que actuar dentro da área ZEC están en Areas, Os Chancís e A Barca. Os portavoces municipais apuntan que foron elixidas «por tratarse de superficies nas que a invasión desta especie exótica é incipiente e atópase nunha fase na que é viable acometer ou seu control ou erradicación mediante unha actuación temperá».

Na maior parte dos casos, as mimosas están a expandirse nestas tres zonas a partir das áreas próximas aos accesos aos pobos. No Concello constataron que xa ocupa parcialmente «antigos viñedos e masas de arborado autóctono».