Novo Plan Hidrolóxico: todo segue igual para Monforte

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

RIBAS DE SIL

Crecida del río Cabe en Ribas Altas (Monforte) el pasado mes de diciembre
Crecida do río Cabe en Ribas Altas (Monforte) o pasado mes de decembro CARLOS CORTÉS

Mantéñense as restricións en todas as zonas afectadas

18 feb 2020 . Actualizado ás 19:24 h.

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil xa rematou a primeira revisión do plan hidrolóxico do ano 2013. Nos municipios máis afectados polas restricións urbanísticas que hai que aplicar obrigatoriamente nas áreas inundables, como Monforte, había expectación por ver se esa segunda versión do plan alixeiraba a presión. Non foi así. Todas as áreas con risco potencial significativo de inundación que aparecían nese documento fai sete anos, seguen estando agora. De feito, hai algunha incorporación nova, como a do tramo urbano do río Asma en Chantada.

Esta primeira revisión do plan hidrolóxico foi aprobada inicialmente en decembro e desde entón está en período de exposición pública. No prazo de consultas que se abriu no 2013, o período de presentación de alegacións foi de tres meses. Nos municipios do sur da provincia de Lugo, este plan contempla como zonas inundables tramos de ríos e arroios que suman algo máis de 65 quilómetros de lonxitude. Os municipios con terreo afectado son os de Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón, Bóveda, Chantada, Carballedo, Quiroga e Ribas de Sil. O Plan Hidrolóxico do 2013 estará en vigor ata que sexa definitivamente aprobada esta versión renovada. O plan prohibe calquera modificación na edificabilidade nas zonas consideradas inundables.

O caso de Monforte é dos máis problemáticos, porque boa parte da súa trama urbana está nas proximidades do río Cabe ou dalgún dos seus afluentes. O novo plan de urbanismo que leva anos pendente de elaborar e aprobar debe ter en conta obrigatoriamente todas as limitacións que impón o Plan Hidrolóxico. Pois ben, nesta nova versión nada cambia en Monforte. O municipio suma máis de 36 quilómetros de ríos e arroios susceptibles de provocar inundacións. Apenas hai ningún barrio que se libre por completo.

En Pantón mantense o tramo compartido con Monforte do río Cabe entre desde Freixo ata A Chopeira. E incorpora un novo, o do río Sil nos Peares.

En Bóveda continúa aparecendo o río Mao en Xulián.

Na primeira revisión do Plan Hidrolóxico entra un tramo novo na Pobra do Brollón, o do río Rubín que pasa pola capitalidade municipal. E continúan os dous do río Cabe neste municipio.

Os cambios desta nova versión son significativos para Chantada. No Plan Hidrolóxico aínda vixente, este municipio non aparecía. Agora si sae, cun tramo de 4,6 quilómetros do río Asma, que inclúe o dique e todo o seu paso pola zona urbana desta localidade. A ficha correspondente a este río indica que no período comprendido entre o 2007 e o 2015, a Asma sufriu neste tramo un número medio de inundacións, o que supón que foron entre cinco e dez.

Dentro da comarca de Chantada, hai tamén dúas zonas inundables no municipio de Carballedo, e as dúas son novas. A primeira é a do río Búbal entre A Granxa (Carballedo) e Casdavil (A Peroxa), e a segunda no Miño tamén entre A Granxa e Os Peares.

O municipio de Quiroga conserva os catro tramos que tiña e suma un máis, o do río Quiroga ao sur do centro urbano.

O oitavo municipio do sur de Lugo con áreas con risco potencial de inundación é Ribas de Sil, pero non incorpora ningún tramo novo aos dous que xa tiña, un no arroio San Pedro e outro no de Ventosa.

*Tramos novos incluídos nesta segunda versión do plan