Prisioneiros do sur de Lugo no campo de nazi de Mauthausen

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

RIBAS DE SIL

CEDIDA

Unha asociación busca familiares de catros deles, procedentes de Ribas de Sil, O Saviñao e O Incio

10 feb 2019 . Actualizado ás 07:44 h.

Aínda que é un feito histórico pouco lembrado, no tristemente soado campo de concentración nazi de Mauthausen -no municipio austriaco do mesmo nome- houbo prisioneiros naturais do sur lucense e doutras partes da provincia, dos que moitos non sobreviviron. A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) dispón de datos sobre estas persoas e busca a posibles familiares co fin de ofrecerlles a información que posúe e de solicitar a que estes parentes poidan proporcionar na actualidade.

Dous integrantes da asociación, Carmen García Rodeja e Manuel Barreiro Bugliot, falaron das vítimas galegas de Mauthausen nunha charla que ofreceron o venres no instituto monfortino Río Cabe, que acolle unha exposición preparada por este colectivo e dedicado ao fotógrafo catalán Francisco Boix, un dos máis soados prisioneiros deste campo. Boix, que sobreviviu ao peche, conseguiu rescatar un arquivo fotográfico que reunía miles de fotografías tomadas polos propios oficiais e gardiáns. Estas imaxes serviron como probas incriminatorias nos xuízos de Nuremberg, onde uns sesenta deles foron condenados á morte e executados.

García Rodeja sinala que entre os prisioneiros lucenses -como entre os procedentes doutras partes de Galicia e de España- houbo un elevado número de mortes debido ás durísimas condicións de vida. Foi o que ocorreu con algunhas vítimas oriúndas de lugares como Ribas de Sil e O Saviñao. «A maioría deles morreron xa nos primeiros meses do peche, en 1941, porque ademais das propias condicións que se daban en Mauthausen, a maioría deles estiveran internado antes en campos de prisioneiros franceses e xa chegaron moi debilitados», explica. Na súa maioría, os prisioneiros españois eran antigos combatentes do bando republicano na Guerra Civil que foron apresados polos nazis tras a invasión alemá de Francia. «O réxime de Hitler consultou ao de Franco en canto a que debía facer con aquelas persoas e a resposta foi que non as consideraban españolas e que as abandonaban á súa sorte», engade.

Os responsables da ARMH piden aos parentes das vítimas que se poñan en contacto con eles para intercambiar información se o desexan. Poden facelo a través do correo deportadosgalicia\gmail.com. Carmen García sinala que as investigacións históricas sobre Mauthausen séguense levando a cabo e que aínda poden aparecer outras vítimas de orixe lucense, xa que se están reunindo datos de persoas nadas en lugares como Madrid ou Barcelona, pero de familias galegas.

Entre os presos houbo numerosas mortes xa nos primeiros meses

de cativerio

Rexistrados con nomes, apelidos e datos das súas parroquias de orixe

Nos datos recompilados pola ARMH figuran os nomes de tres nativos do municipio de Ribas de Sil que estiveron encerrados no campo de concetración austriaco. Dous deles -José Caneda Macía e Andrés Alonso Losada- non conseguiron sobrevivir. Do segundo deles sábese que procedía da parroquia de Peites. O terceiro prisioneiro, Miguel Colmenero Fernández, foi liberado con vida.

En Mauthausen tamén morreu Ricardo López López, natural da localidade de Beleigán, no Saviñao. O mesmo ocorreu con Castor Martínez Parada, que figura na lista como natural de Trascastro, aínda que a ARMH aínda non ten claro se procedía da parroquia do Incio que leva este nome. No municipio leonés de Peranzanes hai outro pobo que se chama do mesmo xeito.

Outras localidades

Outros prisioneiros lucenses que morreron no campo de concentración foron tres naturais do municipio de Cervantes -Manuel Fernández Fernández, José Fernández Pérez e José Fernández Santín-, o sarrián Jesús Arias López e Liberio Bailín Pérez, oriúndo das Nogais. En cambio, Marcelino Pérez Díaz -natural de Becerreá- e Benigno López Caloto -de Frollais, en Samos-, aínda estaban vivos cando as tropas estadounidenses entraron en Mauthausen en maio de 1945. Outros pirsioneros do campo procedían de localidades lucenses como Outeiro de Rei, Pol e Viveiro.