A horta dos supertomates

ánxela jorge vidal / L.D. MONFORTE / LA VOZ

QUIROGA

Lucía Rodríguez, filla de José Ramón Rodríguez, co tomate recén recollido
Lucía Rodríguez, filla de José Ramón Rodríguez, co tomate recén recollido cedida

Unha familia de Quiroga cultiva dende hai anos exemplares de gran tamaño

15 ago 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Na horta da familia Rodríguez, situada no lugar do Pacio Vello, en Quiroga, levan nacendo tomates de gran tamaño dende hai máis de vinte anos. Un exemplar da colleita deste verán pasou do quilo e medio de peso, batendo o récord que conseguiran en 1995 cun de un quilo e trescentos gramos, co cal -polas súas medidas pouco habituais- tamén ocuparan un oco nas páxinas de La Voz o 15 de setembro dese ano.

A variedade da planta de tomate que cultivan chegou a esta familia de Quiroga transportada no taxi que conducía o pai de José Ramón Rodríguez, quen se encarga actualmente de traballar e manter a horta. «Foi unha desas viaxes nas que a sorte te leva a algún sitio e a el levouno ata esta variedade, coa que seguimos e seguiremos traballando», comenta. O único que saben da súa procedencia é que «non é unha variedade autóctona da zona».

Un ano excepcional

Mediante a utilización das sementes de exemplares da mesma variedade, a enormidade dos froitos que da a súa horta pasou de ser unha sorpresa a un costume para a familia. De forma habitual, recollen tomates de en torno a medio quilo. Pese a isto, José Ramón recalca que «o deste ano foi unha loucura» e indica que a esaxerada medra do tamaño pode deberse a unha baixada da cantidade da colleita. «Estas plantas soen dar moitos tomates e este ano houbo poucos pero todos dun tamaño enorme. A maiores do tomate de quilo e medio, naceron moitos dun quilo», detalla.

Rodríguez explica que, á hora de traballar a horta, non seguen ningún procedemento concreto nin empregan produtos especiais para conseguir exemplares de semellantes tamaños. Por non utilizar, nin sequera empregan sulfatos, o que fai que estes tomates sexan «cen por cen ecolóxicos». O que si que subliña como ingrediente necesario é a aplicación de «mimo e coidado» á hora de atender as plantas.

Esta forma de traballar é algo que José Ramón herdou dos seus pais e que Lucía Rodríguez, a súa filla, tamén está a aprender para o momento no que «sexa ela quen plante os tomates nuns anos». Moitos foron os cambios que, co tempo, se foron dando na familia e dos que a horta foi e seguirá sendo testemuña. «No ano 1995 eran os meus pais os que traballaban o terreo pero xiraron as tornas. Antes lles axudábamos nós e agora son eles os que nos botan unha man cando poden», relata José Ramón.

Agora, en compañía duns amigos achegados da familia, os Rodríguez teñen planeado comer o grandioso tomate quilo e medio, sen esquecerse de gardar as sementes para perpetuar a variedade que tan bo resultado lles está dando.