Quiroga destina máis de 70.000 euros a melloras en prazas e parques

La Voz

QUIROGA

CEDIDA

As obras realizaranse o próximo ano e serán financiadas pola Xunta nun 70%

24 dic 2019 . Actualizado ás 11:25 h.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde Quiroga, Julio Álvarez, asinaron un convenio que se traducirá no investimento de máis de 70.000 euros en obras de melloras e urbanización de espazos públicos nese municipio ao longo do próximo ano. A Xunta achegará 53.170 euros, o 70% do total do investimento previsto. O 30% restante — 22.787 euros— sairá dos orzamentos municipais.

Entre as actuacións previstas están a humanización das prazas de San Martiño e da rúa Lago, e a mellora das condicións de seguridade e salubridade na zona de xogos infantís do parque da igrexa de Quiroga.

O convenio tamén prevé, doutra banda, o acondicionamento do vello estanque situado na zona verde próxima á casa de cultura e o centro social. Na praza de España, para rematar, actuarase sobre o revestimento e o equipamento urbano.

A consellería financia as obras propostas polo goberno municipal de Quiroga con cargo ao Plan Hurbe, un programa que puxo en marcha no ano 2010 para impulsar plans de humanización por parte dos concellos.