O Camiño de Inverno por Quiroga, San Clodio e Monforte

Julio Álvarez ALCALDE DE QUIROGA

QUIROGA

14 ene 2020 . Actualizado ás 19:07 h.

Ao andar faise camiño e ao volver a vista atrás…» vexo que temos que repasar a vía A Grade (actual Chantada)?Petín, por Dactonium e Montefurado, que unía a vía XIX Astúrica Augusta-Lucus Augusti-Brácara Augusta por Aquis Querquennis e a vía XVIII entre Astúrica Augusta e Brácara Augusta por Aurensis. A descrición deste trazado, que tivo unha importancia fóra de toda dúbida e sinxela de bosquexar (da XVIII á XIX): Petín, Montefurado, O Castelo, Quiroga, Barxa do Lor, A Pobra de Brollón, Monforte, Castillós, Fión, Belesar, Chantada e A Grade.

Este trazado romano, que coincide co denominado Camiño de Inverno a Santiago de Compostela, non é outra cousa que a vía de penetración máis doada cara ao interior de Galicia dende a meseta. Dende a Prehistoria, primeiro os animais e detrás os primeiros homes, foron seguindo os cursos dos ríos Sil e Lor cara a Monforte e O Courel. Un mapa que expoñemos no Museo Xeolóxico de Quiroga ilustra maxistralmente esta idea mediante a representación dos xacementos das etapas máis antigas do Paleolítico: dende Valdeorras ata Quiroga, para remontar polo río Lor, cando o canón do río Sil se fai máis abrupto e case impenetrable, para dirixirse docemente pola Pobra de Brollón a Monforte. Unha liña que une estes xacementos prehistóricos coincide xa co trazado oficial do denominado Camiño de Inverno a Compostela. Para que subir a cotas de entre 800 e 700 metros podendo ir ao abrigo de terras moito máis baixas e doces…

É verdade que a importancia que tivo na súa época a Vía A Grade-Quiroga-Petín por Dactonium non se ve correspondida polo seu reflexo nas fontes documentais. De todos os xeitos, de época antiga, hai unha fonte que suxire esta vía, a táboa de barro de Astorga, onde os investigadores pensan que se traza unha ruta formada pola unión de dúas vías: a unión directa entre Lugo e Braga e o seu desvío cara Montefurado dende o lugar da Grade (o Camiño de Inverno oficial segue máis ou menos este itinerario).

A documentación da Idade Media achega interesantes informacións sobre as rutas de comunicación existentes nesta zona durante esta época. Os distintos camiños medievais que podemos considerar a partir desta documentación medieval podemos atopalos nos estudos de Elisa Ferreira Priegue. Segundo esta autora, os trazados empregados poderían ter a súa orixe nesta antiga vía romana, de xeito concreto os denominados «de Monforte a Belesar pola calzada romana» e de «Montefurado a Barxa do Lor», itinerario que posteriormente tamén utilizou o Camiño Real e que aparece por primeira vez nun documento do ano 922 segundo desprende o contrato de venda realizado en Quiroga no que se cita o lugar de Barxa do Lor.

Especialmente interesante para este repaso son os resultados das investigacións publicadas no ano 1980 polo equipo de J. M. Luzón Nogué, F. J. Sánchez-Palencia Ramos e outros, sobre as montañas do Courel, no que se pon de manifesto a relevancia desta ruta en relación coa enorme importancia das explotacións auríferas romanas emprazadas nas cuncas dos ríos Sil e Lor. No primeiro caso, augas abaixo, Montefurado, Peites, Figueirido, Piñeira, Sequeiros, A Meda, San Clodio, Barreiro, Augas Mestas, As Covas, Castro de Abaixo… No segundo, augas arriba: Margaride, Conceado, A Lama… Así ata superar as cen explotacións auríferas de época romana no que hoxe é o xeoparque mundial da Unesco Montañas do Courel. Non cabe dúbida que Roma, diante do enorme volume destas explotacións e o seu impacto económico, preocupouse de dotar esta zona, pola que transcorre o Camiño de Inverno, dun sistema viario que permitise tanto o transporte do material extraído como o movemento de tropas para garantir a súa seguridade.

Tamén propoño revisar as fontes epigráficas espalladas pola vía A Grade-Quiroga-Montefurado-Petín. Atopámolas en Castillós, Belesar ou Mourelos e teñen un dos seus puntos culminantes no coñecido como Crismón de Quiroga, peza datada entre finais do século IV e primeiros do V, procedente da igrexa da Nosa Señora dos Remedios na parroquia da Ermida. Neste disco de mármore cun gran monograma de Cristo acompañado polas letras alfa e omega, aparece no bordo a coñecida e lapidaria impresión: «Avrvm vile tibi est agenti pondera cedant plvs est qvod propia felicitate nites», advertindo ás primeiras comunidades cristiás da zona dos perigos das riquezas materiais. Nesta mesma igrexa atópanse ademais varias pezas de mármore: dous capiteis, dúas bases e un lintel, datables na primeira metade do século V. Todas estas pezas conducen a pensar na posibilidade da existencia na Ermida dun lugar de culto vinculado a asentamentos rurais romanos tardíos tipo Castillós ou Esperante. A maioría destes datos aparecen recollidos na tese de doutoramento de Javier Gómez Vila, titulada Vías romanas da actual provincia de Lugo.

Dende os asentamentos prehistóricos, a vía A Grade-Montefurado-Petín, sen esquecernos da grandísima da Encomenda que tivo a orde militar de San Xoán de Xerusalén en Quiroga, con emprazamentos tan importantes como o Castelo dos Novais ou o núcleo de San Salvador do Hospital, que concentra varias edificacións, ademais da igrexa parroquial, vinculadas a esta orde.

Sen menoscabo doutros camiños e comarcas tan queridas como a de Castro Caldelas e fóra de calquera personalismo sobre o Camiño de Inverno a Compostela, opino que neste sentido hai poucas dúbidas polo cantidade de datos que se nos ofrecen. Nomes como Montefurado, Vilaster, Bendollo, Bendilló, O Soldón, Os Novais, O Castelo, Caspedro, A Barca do Castelo, O Hospital, A Ermida, Quiroga, San Clodio, A Barca de Mancebico, Espandariz, Nocedo, Parada, Quintá do Lor, Barxa do Lor… ata chegar a Monforte, teñen tanto peso histórico que falan por si soas.