«Ao que sabe, isto parécelle fácil»

QUIROGA

RAMÓN VILA

Desde fai oito anos, o Museo Etnográfico Municipal de Quiroga ofrece cursos de tecido tradicional. Quen os imparte é Carmen Barreiro, natural do veciño municipio de Folgoso do Courel

25 feb 2020 . Actualizado ás 22:16 h.

O Museo Etnográfico Municipal de Quiroga conserva un antigo tear restaurado que desde fai oito anos utilízase para impartir na primavera un curso de tecido tradicional. As clases corren a cargo de Carmen Barreiro, natural de Visuña -no municipio de Folgoso do Courel- e unha das últimas persoas da comarca que coñecen esta técnica. A artesá aprendeu o oficio da súa avoa e dunha veciña, usando un tear que aínda conserva na súa vivenda familiar. «Cando comecei con el xa era moi vello, debe de ser da época da miña tataravoa», di.

Durante moito tempo, Carmen Barreiro dedicouse a confeccionar todo tipo de pezas «para gañar un peso». Aínda que en ocasións as vendeu xa feitas, a maioría das veces fíxoas por encargo previo, usando la ou algodón que compraban os propios clientes e cobrando polo tempo de traballo. As que máis labor requirían -explica- eran as colchas chamadas «de felpenteira», adornadas con debuxos, que podían levarlle un mes. «Contando tamén o tempo que necesitaba para atender a casa», precisa. As pezas máis sinxelas, como os mantelos -capas tradicionais de pastoreo do Courel-, podían rematarse nun só día. Na actualidade, a artesá tece algunhas pezas, como alfombras de dormitorio, pero non para vendelas. «O que fago agora son cousas para a miña familia», sinala.

Nas clases que imparte no museo quirogués Carmen ensina as diferentes fases do laborioso proceso de tecido. En primeiro lugar hai que preparar a la, que debe estar ben lavada e secada. Despois vén o «espelido», a separación manual das fibras. A continuación hai que cardar os fíos cun cepillo de puntas de aceiro para despois fialos cun fuso. O seguinte paso consiste en «dobrar» a fibra, é dicir, unir os fíos de dous en dous para que sexan máis resistentes. Unha vez realizados estes pasos vén o máis difícil, a montaxe da urdimbre, que pode requirir dúas ou tres días. «A quen o sabe facer parécelle fácil, pero isto é o peor para os que están aprendendo», avisa. Unha vez armado este complexo conxunto de fíos tensados, comeza o labor do tear propiamente dita, que tamén require moita práctica e paciencia.

Os alumnos que acoden ás súas clases -mulleres na súa inmensa maioría- poñen moita ilusión e interese en aprender esta antiga técnica. Algunhas asistiron aos cursos cada ano desde que empezaron a impartirse e han ir adquirindo un amplo coñecemento. «O problema é que ningunha delas ten un tear na casa, e para dominar ben o oficio hai que estar practicando a diario durante moito tempo seguido, como fixen eu», di a profesora. «Pero claro, a ver quen pode meter nun piso un armatoste destes», conclúe.

Preparativos

Antes de tecer no tear hai que preparar os fíos de la nun proceso que comprende o cardado con cepillos de puntas de aceiro como os que se gardan no Museo Etnográfico de Quiroga (á esquerda).