A neve e o xeo volveron causar problemas no sur lucense

QUIROGA

ROI FERNÁNDEZ

Os municipios das comarcas de Quiroga e Chantada sufriron en diversos graos os efectos da borrasca Helena

02 feb 2019 . Actualizado ás 17:27 h.

As condicións meteorolóxicas volveron causar hoxe numerosos problemas de circulación nas estradas do sur lucense. Pola mañá, segundo informou a Deputación, púidose reabrir ao tráfico a estrada LU-P-4703, un tramo da cal quedou alagado o xoves por un desbordamento do río Saa na parroquia de Cereixa, na Pobra do Brollón. O viario afectado é en realidade unha pista secundaria que leva da capital do municipio cara a Cereixa.

Con todo, a presenza da neve e o xeo provocaron dificultades en moitos lugares, especialmente nas zonas máis altas. Un dos municipios máis afectados por estas incidencias foi o de Folgoso do Courel . Aínda que non chegou a caer neve nas localidades situadas nas cotas máis baixas, a neve cubriu os terreos máis elevados, como o Alto do Boi, por que o pasa a estrada que une a capital do municipio con Quiroga . Neste territorio, as máquinas quitaneves empezaron a traballar ás sete da tarde do venres e tiñan previsto seguir ata as dez da mañá do domingo.

Tamén houbo dificultades para circular en estradas de Quiroga , Ribas de Sil e O Incio. Así mesmo, foi necesario circular con precaución en diversos viarios dos municipios de Taboada , Chantada e Carballedo. A neve caeu tamén con intensidade nas terras altas do municipio da Pobra do Brollón, en localidades como A Veneira de Roques.

Na imaxe sobre estas liñas, unha máquina quitaneves traballando ao mediodía na estrada de Quiroga a Folgoso do Courel.