Destinan 270.000 euros ás obras de restauración da igrexa románica de San Vicente de Pombeiro, en Pantón

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

PANTÓN

La iglesia de Pombeiro ocupa un lugar destacado en el patrimonio románico de Pantón y de toda la Ribeira Sacra
A igrexa de Pombeiro ocupa un lugar destacado no patrimonio románico de Pantón e de toda a Ribeira Sacra Non dispoñible

Os traballos teñen o fin de favorecer a conservación do edificio e das pinturas murais que existen no seu interior

02 jun 2020 . Actualizado ás 19:39 h.

A Xunta licitou as obras de restauración da igrexa románica de San Vicente de Pombeiro -no municipio de Pantón-, que contarán cun orzamentos de 270.000 euros. A intervención comprenderá a renovación da cuberta do edificio e outras melloras que terán o obxectivo de suprimir as filtracións de auga cara ao interior e facilitar o acceso dos visitantes. Os traballos, unha vez iniciados, terán un prazo de execución de seis meses.

Ademais da substitución da cuberta, as obras incluirán a renovación das junturas das fachadas exteriores, a eliminación de humidades nas bases dos muros e a instalación de novas carponterías nas fiestras. O proxecto comprende tamén a renovación do pavimento do atrio do templo e a reordación do espazo da sancristía, onde se substituirá a porta de entrada.

De entre os séculos XII e XIII

A igrexa de San Vicente de Pombeiro, que conta coa categoría de ben de interese cultural, figura entre os monumentos máis destacados do patrimonio románico de Pantón e de toda a Ribeira Sacra. Durante a Idade Media formou parte dun dos escasos mosteiros de Galicia que pertenceron á orde cluniacense, fundado en torno ao século X. O edificio actual da igrexa data de entre o último terzo do século XII e a primeira metade do XIII. Aínda que foi obxecto de diferentes reformas en tempos posteriores -principalmente no século XV-, conserva da época románica a cabeceira e varias partes dos muros perimetrais das naves. En 1996 descubriuse no interior o templo un importante conxunto de pinturas renacentistas que permanecera oculto durante moito tempo por capas de cal. Un dos obxectivos da intervención que levará a cabo a Xunta consiste precisamente en favorecer a conservación destas pinturas, ameazadas polas filtracións de humidade.

No 2013, o obispado lucense renovou a cuberta da antiga casa reitoral situada xunto á igrexa de Pombeiro, un dos escasos edificios do século XVIII que se conservan na provincia, que en tempos foi a sede dun priorado dependente do mosteiro ourensán de Santo Estevo de Ribas de Sil.

A operación que levará a cabo na igrexa de Pombeiro é unha das dúas que están previstas no patrimonio románico de Pantón. Recentemente, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural anunciou que investirá 40.000 euros nunhas obras de restauración na igrexa de Santo Estevo de Atán que terán por finalidade reconstruír os muros do contorno do templo, impermeablizar a fachada sur e valorar o estado de conservación das pinturas murais renacentistas que se conservan no interior, efectuando as correccións que se consideren necesarias.