Outro incendio máis en Pantón, esta vez preto da zona protexida do Cabe

La Voz

PANTÓN

Carlos Cortés

O lume empezou a douscentos metros das casas da aldea de Budián, na parroquia de San Romao de Acedre

24 sep 2017 . Actualizado ás 19:03 h.

Un novo incendio forestal no municipio de Pantón calcinou terreo arboledo e de monte baixo na parroquia de San Romao de Acedre. O lume empezou esta vez a uns douscentos metros das casas da aldea de Budían, e afectou a unha zona moi próxima á área protexida do río Cabe.

O incendio empezou pouco despois das tres da tarde, máis ou menos á mesma hora que o do venres en Santiago de Cangas, unha parroquia limítrofe coa de Acedre na que entre o luns e o venres producíronse catro incendios. O de onte é o quinto da semana na parte do municipio de Pantón máis próxima á ribeira do Cabe.

Numerosos veciños de Budián seguiron con preocupación os traballos de extinción. Pertrechados con fouces coas que cortar matogueira, estaban preparados para intervir se as chamas se achegaban ás súas casas. Finalmente, non tiveron que facelo, porque os servizos de extinción cortaron o avance do lume antes de que iso pasase.

Nun primeiro momento, as brigadas de bombeiros forestais desprazadas á zona, apoiadas por varios helicópteros, centráronse en frear a fronte máis próxima ás casas de Budián. En canto estivo controlado, os helicópteros empezaron a efectuar descargas na ladeira que baixa ata o tramo final do Cabe, que está declarado lugar de interese comunitario polo seu valor ecolóxico.

O lume continuaba activo a media tarde, aínda que xa con moita menos virulencia que nos primeiros momentos.

Este verán está resultado especialmente difícil nos montes do municipio de Pantón. Nas parroquias situadas na ribeira do Cabe e na área formada polas de Mañente, Vilamelle e Toldaos producíronse innumerables incendios.

As forzas de seguridade inevstigan para dar coa identidade dos responsables, porque todo apunta que a práctica totalidade destes incendios foron provocados. Durante o verán, a maioría destes incendios producíanse ao pé de estradas. Os da última semana, con todo, empezan en zonas ás que o acceso é máis complicado. Quen quier que sexa o responsable destes lumes só se deu un respiro durante os días que o tempo empeorou, pero en canto deixou de chover empezaron de novo os incendios.