Medio Ambiente eliminará tres vertedoiros incontrolados no Saviñao

La Voz

O Saviñao

CEDIDA

Os traballos empezan hoxe e levarán a cabo en Escairón, Currelos e Vilelos

09 novs 2018 . Actualizado ás 14:10 h.

A Consellería de Medio Ambiente iniciou hoxe os traballos de eliminación de tres vertedoiros incontrolados no municipio do Saviñao, unha intervención que terá un custo de ao redor de 46.000 euros. Os puntos de vertedura ilegal de residuos atópanse nas localidades de Escairón, Currelos e Vilelos. Os traballos consistirán na recollida, clasificación e retirada dos materiais acumulados nestes lugares, que a primeira vista parecen ser residuos de construción e demolición, plásticos, madeiras, pneumáticos refugados e aparellos eléctricos e electrónicos. Doutra banda, traballarase na renovación dos chans mediante o estendido de terra vexetal e hidroesementera.

Esta actuación, segundo indican desde Medio Ambiente, encádrase nunha campaña continuada da Xunta «para identificar e erradicar estes focos, nos que se van acumulando residuos sólidos de distinta natureza co prexuízo que ocasiona para a contornoa desde un punto de vista ambiental e estético». O obxectivo destas actuacións, engaden desde o referido departamento, «é axudar e facilitar aos concellos o cumprimento das súas responsabilidades en materia de xestión dos residuos urbanos, unha competencia municipal, e permitir aos cidadáns realizar unha correcta xestión dos mesmos».

Doutra banda, Medio Ambiente anunciou que nas contas do próximo ejercició reservarase unha partida de 1,5 millóns de euros para seguir eliminando vertedoiros incontrolados e recuperar espazos naturais degradados, especialmente os que se atopan en áreas protexidas da Rede Natura.

Sobre estas liñas, un vertedoiro incontrolado na localidade de Vilelos, nunha imaxe de arquivo.