Magnesitas exporta o 80% do que extrae da súa mina no Incio

O Incio

ROI FERNÁNDEZ

A recente preocupación chinesa polo medio ambiente dá un respiro á empresa

06 dic 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Traballadores e directivos de Magnesitas de Rubián celebraron onte cunha comida en Sarria a festividade de Santa Bárbara, a patroa da minería. A empresa encaraba o 2017 con medo aos efectos da eliminación que entrou en vigor en xaneiro das restricións comunitarias ás importacións procedentes de China , o primeiro produtor mundial de magnesita. Pero a nova política chinesa de control da industria máis contaminante limitou a capacidade exportadora do xigante asiático e o golpe que agardaba a industria europea de extracción de mineral de carbonato magnésico non se produciu. Na empresa con mina e fábrica no Incio admiten que o mercado se mantivo estable este ano e que eles seguen exportando fóra da Península Ibérica o 80% do que producen.

«Ese 80% de produto exportado é o habitual para nós», explicaba o director xeral da empresa, Eduardo Jiménez, durante a visita polas instalacións desta firma en Rubián de Cima, na que exerceu de guía de políticos como o delegado da Xunta, José Manuel Balseiro, e o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo; e de personalidades como o presidente da Audiencia, José Antonio Varela Agrelo. Esta estabilidade en tempos que se prevían malos é unha excelente noticia para o sector e para Magnesitas de Rubián en particular.

Jiménez non quere proporcionar cifras concretas sobre os últimos datos de facturación económica da empresa, pero confirma que o seu mercado exterior segue estando fundamentalmente no que el denomina a franxa verde de Europa, que inclúe as illas británicas, o norte de Francia, os Países Baixos, o sur de Alemaña e Suíza. A maior parte da produción que sae de Rubián de Cima a compra, como desde os inicios da empresa nos anos 60, a industria de elaboración de pensos para gañado. Esa produción acapara o 80% das vendas, mentres que o mineral que suma o 20% restante destínase a fertilizantes.