Jaime Torres: amigo, mestre, mentor

Rocío Mosquera Ao FÍO

MONFORTE DE LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

26 ene 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

Deixounos Jaime Torres, unha persoa irrepetible, un dous «bos e xenerosos», un referente para todos os que traballamos na sanidade galega nas últimas décadas. Só o amor pola súa familia superaba o seu amor pola sanidade pública e por Galicia. Ensinounos a moitos que a Administración é servizo público, ao que o dedicou a súa vida.

Xa antes da transferencia das competencias en sanidade impulsou a posta en marcha dos hospitais de Monforte e Burela. Foi clave no deseño e posta en marcha do Servizo Galego de Saúde como organismo autónomo, e o primeiro en ocupar o posto de director xeral. Un innovador convencido de que «non se pode xestionar a sanidade con funcionarios». Unha persoa sempre reflexiva, que nos facía reflexionar, e que constantemente nos lembraba que «se queres resultados distintos non podes seguir facendo as cousas igual».

Participou na modernización da atención primaria, naquel momento prestada por médicos e practicantes illados, a maioría coa consulta na súa casa. Unha transformación que levou ao traballo en equipo en modernos centros de saúde.

Profundo coñecedor da xestión sanitaria e convencido da necesidade de consenso na toma de decisións, nunca rexeitaba unha idea ou unha proposta sen analizala e discutido con todos. Así xurdiron novas fórmulas, instrumentos de xestión máis flexibles e eficaces: a fundación hospitalaria de Verín, o 061, o Centro de Transfusións e Medtec, empresa pública de servizos sanitarios (hoxe Galaria). Defendía a participación dos profesionais, sobre todo os xefes de servizo, na xestión: «Só así se conseguirá a mellor calidade asistencial». Cría profundamente en que necesitamos unha saúde pública potente, cos mellores profesionais, cunha xestión flexible e eficaz… ¡Canta razón veulle dar esta pandemia!

Sempre leal cos seus compañeiros, co seu equipo, coa organización. Defendía as súas opinións de forma clara e contundente, argumentando de forma obxectiva, pero aceptaba e executaba sen fisuras as decisións tomadas.

Gozou, ata o final, das discusións sinceras, sen andrómenas, sobre sanidade, xestión e política... mellor compartindo mesa cos amigos.

Grazas, Jaime, por estar nas nosas vidas. Segue coidando de nós.