Unha empresa realiza sondaxes para a cimentación da nova ponte sobre o Cabe

Luis Díaz
luís diaz MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Inicio de los sondeos para la cimentación del puente proyectado en el lugar de la pasarela
Inicio das sondaxes para a cimentación da ponte proxectada no lugar da pasarela CARLOS CORTÉS

Os traballos prolongaranse durante quince días e fináncianse con cargo ao proxecto

03 mares 2021 . Actualizado ás 18:16 h.

A nova ponte do Malecón figuraba no programa co que Tomei optou á reelección en maio do 2019. As urnas deparáronlle unha folgada maioría e só tres días despois dos comicios o alcalde quixo deixar claro que en non ía de farol. «A situación económica do Concello é o suficientemente boa como para sacalo adiante incluso en solitario», avisou entón. Aínda que a súa viabilidade dependerá do permiso doutras administracións, o proxecto xa está a ser redactado a partir do deseño que gañou o concurso municipal. E comeza a dar sinais de vida máis aló dos papeis. Desde este mércores realízanse catas xunto á pasarela peonil con vistas á cimentación dos alicerces do controvertido viaduto.

Os traballos corren a cargo dunha empresa de Lugo e fináncianse con cargo ao proxecto cuxa redacción encargo o Concello por un orzamento de ao redor de 40.000 euros. A adxudicataria comezou onte a facer provisión de maquinaria e está previsto que este xoves dispoña de todo o material necesario para a realización das catas, que se prolongarán durante quince días aproximadamente.

O mércores xa levaron a cabo algunhas perforacións nas ribeiras do río, á altura da pasarela de madeira, para o estudo da composición do subsolo. A toma de mostras e as sondaxes do terreo servirán de referencia no proxecto para dar a solución máis adecuada aos alicerces da ponte.

Non é a primeira cuestión técnica con vistas á construción do viaduto que se resolve sobre o terreo coincidindo cos primeiros pasos do proxecto, que se puxo sobre a mesa por vez primeira en decembro do 2018 nunha reunión do alcalde cos empresario do sector da construción. Técnicos da Deputación de Lugo realizaron a comezos do pasado ano medicións á altura da pasarela do Malecón, que se o proxecto sae adiante será substituída por unha ponte aberta ao tráfico.

As comprobacións que levaron a cabo entón tiñan como obxectivo establecer a distribución dos alicerces, con arranxo ás características do terreo e ao caudal máximo que pode acadar o Cabe nese tramo urbano. Este é un dos aspectos técnicos máis importantes que deben dilucidarse para que o proxecto poida obter a autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, un dos dous organismos sen cuxo visto e prace a execución das obras resultaría inviable.

Pasos por diante

A outra administración en liza á hora de determinar a viabilidade da obra é a Xunta de Galicia, que se referiu a esta cuestión durante os trámites previos á arpobación do plan especial de protección do conxunto histórico de Monforte.

A construción da ponte afecta a unha zona incluída no ámbito do plan especial de protección que está baixo a tutela de Patrimonio, polo que ademais de axustar o seu deseño a determinados requisitos estéticos deberá acreditarse o seu interese público. A principal baza municipal, á marxe da mellora na mobilidade, é que o viaduto facilitaría unha reorganización do tráfico que faría posible peonalizar a ponte vella.